O miradoiro da Virxe da Rocha, en Baiona

Non é Baiona unha localidade precisamente escasa de atractivos. O seu castelo, convertido hai xa moitos anos en Parador Nacional, recorda que esta foi unha vila cunha enorme importancia no Medievo e na Idade Moderna e unha reprodución dunha das carabelas de Colón, La Pinta, permanentemente atracada no seu porto, recorda que este foi o primeiro lugar de Europa que recibiu noticias da existencia do Novo Mundo.

Porén, ao oeste da localidade érguese un monumento moito máis moderno que tampouco convén esquecer: trátase da Virxe da Rocha, un curioso miradoiro artificial de quince metros de altura proxectado polo que probablemente foi o mellor arquitecto galego da primeira metade do século XX, o porriñés Antonio Palacios.

A Virxe da Rocha é unha impoñente escultura de pedra que representa á Virxe María sostendo na man dereita unha lancha. O gran atractivo do monumento é que a esta barca pódese acceder desde o interior da construción, ascendendo unha estreita escaleira de caracol. Para isto hai que pagar unha entrada simbólica e agardar a quenda, posto que o paso é necesariamente estreito. A espera paga a pena, xa que desde a barca contémplase unha espectacular vista das rías do sur de Galicia, coa barra de area da praia de Ladeira á dereita e, á fronte, os areais do concello de Nigrán e as Illas Cíes.

A escultura-miradoiro foi inaugurada en 1930. Proxectouna, como quedou dito, Antonio Palacios Ramilo (O Porriño, 1874-Madrid, 1945). Arquitecto moi destacado, primeiro dun modernismo de inspiración vienesa e despois do rexionalismo, foi autor de varias obras importantes en Galicia, coma o moi próximo Templo Votivo do Mar en Panxón, a casa consistorial da súa localidade natal ou o Teatro García Barbón en Vigo. Mais Palacios é recordado sobre todo como un dos creadores da imaxe moderna de Madrid. Dos seus deseños saíron edificios tan emblemáticos coma a Casa Consistorial de Madrid, o Hospital de Maúdes, o Círculo de Bellas Artes ou a sede do Instituto Cervantes. Nun nivel máis popular, foi o autor do clásico logotipo en rombo do Metro da capital española.

A construción da Virxe da Rocha non estivo exenta de complicacións. Aínda que a primeira pedra se colocou en 1910, a falta de cartos impediu que se abrise durante dúas décadas. Para finalizala, os seus promotores tiveron que recorrer a subscricións populares e mesmo á representación dunha obra lírica en Madrid: os beneficios obtidos coa venda de entradas destináronse á edificación. Á gran estrutura de granito ideada por Palacios engadíronselle varios detalles que acentúan a sensación de equilibrio da peza: a cara e as mans da Virxe están esculpidas en mármore branco e son obra do artista Ángel García, mentres que a coroa está feita en material cerámico.

Calquera época é boa para subir á Virxe da Rocha de Baiona. O seu momento de maior concorrencia  é probablemente o último domingo de agosto, coa celebración dunha romaría na súa contorna, na que hai un merendeiro con mesas e bancos de pedra. A Virxe está en un desvío de la saída de Baiona cara A Guarda, e continuando pola estrada que lle dá acceso ascéndese ao Monte da Groba, divisoria dun territorio delimitado pola enseada baionesa ao norte, o río Miño ao sur e o Océano Atlántico ao oeste.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *