O mirabel, froito dourado do Baixo Miño

Poucos produtos se identifican máis cun territorio que o mirabel. Este froito pequeno, redondo e dourado é practicamente sinónimo do lugar no que se cultiva: o Baixo Miño e, en concreto, o municipio do Rosal. Porén, a viaxe desta subespecie doce e especial da ameixa común é ben longo e en absoluto azaroso.

De feito, malia que o semelle, o mirabel non leva en Galicia tantos anos como podería esperarse. É probable que o froito proceda de Asia Menor, aínda que onde se fixo máis coñecido foi no centro de Europa. Este tipo de ameixa cultívase desde hai moitos decenios na rexión francesa da Lorena, da que tamén é símbolo e onde é moi apreciada pola súa capacidade para realzar todo tipo de preparacións pasteleiras. En Nancy e en Metz, as principais cidades da rexión, celébranse festas para exaltala, proba da importancia que se lle dá na zona.

Popular polo tanto en Europa, o mirabel chegou a Galicia nos anos trinta do século XX. A primeira idea de introdución atribúese a un alcalde da época, que o tería feito traer desde a Selva Negra alemá. A mediados desa década existían xa no Rosal plantacións que aproveitaban a estupenda adaptación da planta ao clima da desembocadura do río Miño, morno e estable durante a maior parte do ano. En paralelo a estas explotacións agrícolas naceron tamén pequenas fábricas de conserva, solucionando unha das principais características do mirabel: o curto período no que pode consumirse en fresco.

De feito, o mirabel pode comerse tal e como vén da árbore practicamente durante un par de semanas ou un mes, cara finais do mes de xullo e principios do de agosto. Como froita de temporada é, polo tanto, todo un acontecemento, e poucos son os que se resisten a probar a súa carne tenra mentres é posible. Porén, o mirabel é un produto especialmente dotado para conservar en diferentes preparacións que fan posible degustalo durante todo o ano.

Na actualidade ás moi tradicionais conservas de mirabel en almibre ou en marmelada sumáronse propostas innovadoras e, ao tempo, ben suculentas. Pode consumirse, por exemplo, en licores ou mesmo formando parte da fórmula dunha cervexa. Varios dos mellores cociñeiros galegos experimentaron nos últimos tempos introducíndoo en receitas moi variadas, desde as máis evidentes sobremesas ao acompañamento de carnes de caza ou de guisos.

De produción reducida, é un auténtico luxo que un se pode permitir mercándoo ben nunha visita á zona ou a través de tendas en Internet. En Galicia só a comarca ourensá do Ribeiro produce tamén este froito.

Coa súa cor dourada adornada de veladuras laranxas ou vermellas, o mirabel é un dos dous produtos destacados desta zona ao sur de Galicia. O outro é o viño, que alcanza tamén nivel mundial nas moitas adegas situadas no Rosal e os concellos da contorna. O gastronómico é, polo tanto, un dos argumentos de máis peso para facer unha visita a esta comarca, chea de atractivos históricos e naturais.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *