O magosto

É imposible negar o encanto que, xa de por si, ten o outono… pero é que se ademais falamos do outono galego, o encanto vai máis aló.

Hoxe falaremos dunha desas tradicións de outono da nosa terra que fai que, cada ano, todos esteamos a esperar con ganas esta época: o magosto.

Trátase dunha festa con gran tradición no norte da Península Ibérica na que as castañas e o lume son os grandes protagonistas. Adóitase celebrar nas dúas primeiras semanas do mes de novembro e, nestas reunións, cánticos, bailes, contos e xogos populares adoitan acompañar a degustación deste manxar..

E é que se xa só o cheiro das castañas asadas é irresistible, o sabor é un auténtico agasallo da natureza. É por iso que o magosto se enche de xente que, cornete quentiño en man, quere celebrar a fin do verán e o inicio dos meses fríos.

Aínda que a súa orixe débese ao desexo das xentes dos pobos de celebrar que a colleita chegara ao seu fin, o certo é que hai quen atribúe a esta festa unha orixe moito máis máxica. Xa se sabe: en Galicia temos lendas para todo. Para isto, tamén. O caso é que contan que este froito simboliza a alma das persoas falecidas e que para liberar unha alma do purgatorio, durante a celebración do magosto había que botar ao lume unha castaña e comela despois. O escritor Manuel Murguía xa asociaba nos seus escritos este froito coa morte e o viño novo co paso a outra vida. Quen sabe…

O certo é que estamos ante unha tradición fondamente arraigada en Galicia. E non é de estrañar, xa que esta é unha terra chea de castiñeiros.

Á marxe disto, e como curiosidade: sabes de onde procede esta árbore? Foron os romanos os primeiros que os trouxeron a Galicia e, ademais de ocupar rapidamente toda a comunidade, o certo é que o clima e a terra favoreceron este tipo de plantacións, converténdoas nunha das máis produtivas. Tanto, que durante anos as castañas formaban parte importante da alimentación dos galegos, perdendo algo de importancia coa chegada da pataca e outros alimentos de América.

Pero volvamos á festa…

Aínda que o magosto se celebra en toda Galicia, é especialmente coñecido no sur de Lugo e en Ourense. Precisamente aquí, fan coincidir o magosto coa celebración do San Martiño, o que fixo que recibise o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Polo demais, pouco ou nada cambiou nesta celebración co paso dos anos…

Inicialmente, ao menú de castañas asadas desta festa sumábanse os chourizos do país e o viño da nova colleita e, ademais, celebrábase no monte. Hoxe en día celébrase en casas particulares ou en calquera outro lugar.

Pero eses, ao final, son detalles de pouca importancia. O importante é celebrar e manter a tradición.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *