O Fuciño do Porco, camiñando sobre cantís

A característica forma da costa galega, abrupta, cortada e chea de entrantes tallados polo mar durante milenios, permite a existencia de lugares máxicos coma o Fuciño do Porco. Este enclave de curioso nome sitúase no Concello do Vicedo, o máis occidental na costa da provincia de Lugo, e converteuse nos últimos tempos, e con razón, nun dos lugares máis visitados polos amantes das camiñadas.

A razón principal é a beleza da paisaxe que atesoura a ruta, perfectamente sinalizada. O tramo final discorre practicamente colgado sobre o mar, grazas a unhas pasarelas que fan do Fuciño do Porco (tamén coñecida como Punta Socastro) unha pequena Muralla Chinesa sobre o Cantábrico. Axuda tamén que o percorrido sexa para case todos os públicos, aínda que hai que ter en conta algunhas cousas antes de lanzarse á aventura: para chegar ao final hai polo menos un par de costas bastante empinadas, superables por calquera minimamente adestrado no andar; hai que estar sempre pendente de onde se pisa, sobre todo nas pasarelas e, máis que nada, se a ruta se fai con nenos; e, finalmente, que con frecuencia o vento sopra con forza.

A ruta comeza na parroquia de San Román, ben coñecida polas súas amplas praias de areas finas. Para chegar ao Fuciño do Porco hai que estar atentos ao cruce indicado desde a estrada da costa, a LU-862, que leva a un pequeno aparcamento no que se debe deixar o coche. A primeira parte do percorrido transcorre por unha pista forestal de fácil tránsito. Á dereita, entre as árbores, vanse debuxando as siluetas da ría de Viveiro, coa fermosa praia de Area e a punta do Faro en primeiro termo. No interior da baía queda a pequena cidade viveirense, mentres que a capitalidade municipal do Vicedo se sitúa varios quilómetros ao oeste de San Román.

Ao chegar a un alto comeza o descenso cara a Punta Socastro e, con el, as pasarelas. Foron construídas hai pouco para chegar con máis facilidade á baliza marítima situada no extremo norte. Poucas persoas se achegaban ata agora ao Fuciño do Porco (chamado así polo seu aspecto achatado sobre o mapa), e boa parte do que se ve arredor é moi pouco frecuentado mesmo polos veciños da zona. A pequena praia da Pereira, que loce cara ao oeste as súas areas grises, está case sempre baleira e é de difícil acceso, por exemplo. As pasarelas atravesan o escarpado istmo que une a costa coa punta do cabo, ao que se chega a través dunha pronunciada rampla cara abaixo.

A vista desde a baliza é abraiante. O Cantábrico ábrese cara ao norte batendo con forza nas rochas da Punta Socastro. Ao oeste contémplanse as brutais moles de granito da illa Coelleira e a punta Cameiro, en primeiro plano, e a Estaca de Bares por detrás. Cara ao leste, a recortada costa do Concello de Xove, coa punta Roncadoira destacándose. E, se se mira para a terra, poderase ver o camiño percorrido e as pasarelas do Fuciño do Porco retorcéndose sobre si mesmas para salvar o desnivel dun lugar felizmente redescuberto na costa norte de Lugo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *