O Faramello, o Balmoral galego

Os camiños interiores dos xardíns do Pazo do Faramello transportan ao visitante ao tempo de cambio entre os séculos XIX e XX, a veladas galantes á sombra de camelias e pexegueiros xaponeses, ás festas de alta sociedade, e non só da compostelá. Porén, pese a ser coñecido como o Balmoral do Sar por ter servido de residencia de verán do rei Alfonso XIII, este impoñente edificio ás aforas de Compostela é moito máis: fábrica pioneira, berce de artistas, refuxio de rebeldes…

O Faramello é unha pequena parroquia pertencente ao concello de Rois e situada á sombra da lomba que hai dous mil anos albergou o Castro Lupario, fogar da mítica Raíña Lupa. O edificio érguese ao lado do Camiño Portugués a Santiago e sobre as augas do pequeno río Tinto. Foi precisamente a forza deste río o que trouxo no século XVIII á zona ao xenovés Marqués de Piombino, que instalou aquí a que pasa por ser a primeira factoría de papel de Galicia. A Real Fábrica de Papel do Faramello nacía en 1710; boa parte das construcións que fixeron parte dela, as canles, o lugar que ocupaban os muíños nos que se batían trapos para facer pasta, aínda son ben identificables hoxe, mesmo os que foron ocupados posteriormente polo xardín.

Na parte superior da finca comezou a construírse o que hoxe é o pazo, en estilo barroco e cun sabor plenamente compostelán. Conta con máis de 2.000 metros cadrados construídos, miradoiros e capela, e está perfectamente integrado nun terreo moi escarpado. Mentres funcionou a factoría, era o centro dunha pequena comunidade dedicada plenamente á produción de papel. Nela naceu José Gambino, que chegaría a ser un dos escultores máis afamados da época, autor entre outras obras do Santiago sobre cabalo branco que se pode ver no interior da Catedral compostelá. A pequena igrexa do pazo conta cun retablo obra deste artista.

Durante a invasión napoleónica de inicios do XIX, o pazo foi centro de conspiracións antifrancesas e alí imprimíronse pasquíns contra Bonaparte que probablemente estean entre os primeiros documentos escritos en galego despois dos Séculos Escuros. Desa época data un dos privilexios máis curiosos que ostenta o chamado Señor do Faramello, que pode entrar na Catedral santiaguesa montado a cabalo, prerrogativa que, con bo criterio, nunca foi exercida.

Cando a produción papeleira deixou de ser rendible, o Pazo do Faramello transformouse en residencia elegante. Por el pasaron nobres, burgueses e escritores, entre eles o citado Alfonso XIII, que veraneou aquí en varias ocasións, ou o infante Luis de Baviera. É doado imaxinalos paseando polos xardíns ou xunto ao río Tinto, gozando dun recodo fantástico cunha biodiversidade especial.

Na actualidade, o Pazo do Faramello pode coñecerse con cita previa. Ademais de visitas para recordar a historia do inmoble, os propietarios promoveron a plantación, na parte exterior do edificio, dun bosque da memoria no que se recorda ás vítimas do accidente de tren ocorrido en Angrois en 2013. Ademais, na aba do monte oposta ao pazo estase a realizar un proxecto de restauración do ecosistema mediante o cal se substitúen as especies alóctonas, coma o eucalipto, por outras propias de Galicia.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *