O Cafetín (Pontevedra) propón unha navalla con sorpresa

PO Red

Pontevedra é cidade de tapas. As súas prazas énchense á menor ocasión para celebrar e gozar da gastronomía de pequeno tamaño. Na Alameda atópase o Cafetín; para os responsables da súa cociña, Rubén González e Sergio Orge, o reto é sorprender, máis aínda no concurso anual Pontedetapas, que este ano volveron gañar. “Hai sempre certa expectación sobre o que vamos facer”, confirma o primeiro, “así que nós tentamos non defraudala e facer algo que, ademais de estar rico, teña un toque diferente”. Este ano conseguírono cunha Navalla confeitada con xeo seco e toques cítricos na que tiveron que verter toda a súa imaxinación e capacidade de inventar.

Trátase dunha aposta visual, “case paisaxística”, di González, que partiu da idea de traballar cun produto tan da zona como a navalla. A carne acompáñase cunha cuncha comestible de pasta wanton, moldeada sobre unha cuncha auténtica, e aderézase con maionesa de plancton; perlas esferificadas de lima e limón feitas con alxinato cálcico e cloruro sódico; flores e elementos vexetais; e un recipiente con xeo seco e caldo cítrico quente que desprende unha néboa misteriosa e un forte arrecendo fresco que seguro que non pasará desapercibida na final de De Tapas por Galicia.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *