Apalpador

O Apalpador, unha tradición do Nadal galego

Moitos nenos e nenas de hoxe xa non teñen que escoller entre Papá Noel e os Reis Magos á hora de pedir os regalos de Nadal: mentres que o fornido personaxe do norte lles deixa agasallos na Noiteboa, os Magos de Oriente acoden puntuais á súa cita entre o 5 e o 6 de xaneiro, os pequenos galegos teñen aínda máis sorte: cada 31 de decembro visítaos o Apalpador, un personaxe da tradición da montaña felizmente recuperado e cada vez máis coñecido en toda Galicia.

Esta é unha desas tradicións autóctonas que, por fortuna, reviviron nos últimos tempos, tras moitos lustros de esquecemento. Ocorre con ela o mesmo que pasou con celebracións coma o Samaín: a festa das cabazas e dos mortos, de raíz celta, era hai anos apenas recordada polos maiores, e agora converteuse nunha das datas máis esperadas polos nenos e nenas de toda a Comunidade, en parte pola labor de recuperación feito por colectivos e institucións e tamén polo tirón doutros acontecementos similares e de orixe parecido, coma o Halloween.

No caso do Apalpador, hai unha década a súa figura recordábase pouco máis que nas montañas do leste de Lugo. A zona do Courel e dos Ancares, chea de vales illados e de brava beleza, conserva auténticos tesouros etnográficos pouco coñecidos mesmo no resto de Galicia, como é o caso. Historiadores coma José André López describían entón ao personaxe contando que “mora nas devesas dedicado en facer carbón, un xigante que usa boina, chaqueta esfarrapada e con remendos, fuma en pipa e aliméntase con bagas salvaxes e dos xabaríns”. Baixa do monte na noite do 31 de decembro e aproveita que os nenos e nenas están durmindo para apalparlles a barriga e saber así se teñen fame ou non, e agasállaos cunha presa de castañas. Os testemuños de moitos maiores que recordan as visitas deste personaxe foron a base para o renacemento do mito.

A súa descrición (un home grande, non moi aseado, bondadoso e que vive no monte emparéntao con outras figuras do Nadal de lugares próximos. Como, por exemplo, co Olentzero vasco, co que comparte indumentaria e profesión, pois os dous viven illados e dedicados a facer carbón vexetal. Simbolizan os dous o final do ano, a ruptura co tempo vello que vai rematar e o nacer dunha nova época.

Asociadas á chegada do tamén chamado Pandigueiro recórdanse algunhas cantigas coas que os maiores tentaban calmar os nervios dos pequenos na noite da súa chegada, e que agora se cantan en moitas escolas, con versos como “Vaite logo meu neniño, marcha agora para a camiña, que vai vir o Apalpador a palparche a barriguiña”. Froito da recuperación deste mito popular xurdiron, ademais, numerosos libros infantís, discos ou obras de teatro nos que se explica quen é este xigante e que teñen especial éxito nos tempos do Nadal, como é lóxico.

Hoxe en día o Apalpador tráelles aos pequenos algo máis que castañas, e é a ocasión para deixar nos pés da cama xoguetes, roupa ou lambetadas. Así que xa sabes, se no inicio do novo ano estás en Galicia e atopas no teu cuarto regalos ou castañas, non penses mal dos teus veciños: foi o Pandigueiro que veu de visita.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *