Murais mariñeiros en Foz

E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, dóce mágoa das Españas,

deitada rente ao mar, ise camiño…

Así remata ‘Deitado frente ao mar’, un dos poemas máis coñecidos de Celso Emilio Ferreiro, no que o poeta ourensán reafirmaba o seu amor pola terra, polo idioma e polo pasado de Galicia. A última das frases é a protagonista nun dos lugares máis coñecidos da vila lucense de Foz, formando parte dun fermoso mural en pleno centro urbano.

Foz é unha pequena localidade mariñeira situada no centro da Mariña, entre Burela e Ribadeo, na desembocadura do río Masma. O municipio conta con preto de dez mil habitantes, e é desde hai décadas un dos destinos turísticos máis coñecidos da zona. Atractivos non lle faltan. A súa franxa costeira atópase na denominada Rasa Cantábrica, unha zona relativamente plana ao pé do mar formada por rochas do tipo da lousa. Isto fai dela territorio especialmente fecundo en praias fermosas e amplas. No caso dos 25 quilómetros de litoral con que conta Foz, moitas delas están entre as máis populares dos veráns mariñaos: A Rapadoira, situada en pleno casco urbano, ou Llas, moi preto deste; A Pampillosa, na desembocadura do río Ouro, en Fazouro; Arealonga, aberta ao Cantábrico; ou a dos Alemáns e Areoura, xa lindando co veciño concello de Burela…

Foz foi durante moito tempo porto de pesca importante. A este pasado é ao que se quixo homenaxear co mural, que se atopa en plena ribeira, fronte ao pequeno peirao. Está ao pé da igrexa de Santiago de Foz, un pequeno templo de aires mariñeiros que preside o núcleo antigo da localidade. Varias das rúas da súa contorna conservan todo o atractivo das vilas de antes, coas súas casas baixas, algunhas con galerías, en vías estreitas que se comunican entre si.

O mural reflicte a influencia da fábrica de cerámica de Sargadelos, situada no moi próximo concello de Cervo. Nel vese media ducia de mariñeiros e tres mariscadoras transportando os versos de Celso Emilio con xesto de gran esforzo. A obra é central nun espazo urbano de gran importancia, nunha zona de ocio e tapeo moi concorrida polas noites. Ademais, o mural ten un curmán case segredo situado moi preto: entrando no aparcadoiro do peirao, sobre o muro dun dos edificios de servizo, dúas peixeiras realizadas en cerámica branca, negra e azul transportan sobre a cabeza cadansúa patela chea de peixe, nunha obra moderna chea de amor polo pasado.

Aínda que é un municipio costeiro, convén non esquecer os atractivos do interior do concello. En Foz atópase unha das igrexas máis fermosas de Galicia, a basílica de San Martiño de Mondoñedo, de orixe prerrománica e marcadísimos contrafortes. Se é posible, non hai que perderse o interior e o retablo pétreo que hai detrás do altar, unha xoia medieval incomparable. No termo municipal, na parroquia de Santa Cilla do Valadouro, atópase tamén o castelo do pico da Frouxeira… ou máis ben o pouco que quedou del tras ser arrasado a finais do século XV polas tropas dos Reis Católicos.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *