Monforte preserva o seu pasado ferroviario no MUFERGA

Só hai que botar unha ollada á extensa praia de vías da estación para constatar que Monforte foi e segue sendo un dos nós ferroviarios máis importantes de Galicia. O tren ligaríase para sempre a esta vila, nobre e medieval, a finais do século XIX. Agora, a capital da Terra de Lemos conserva con orgullo o seu pasado no Museo do Ferrocarril de Galicia (MUFERGA), unha visita indispensable para coñecer a historia da localidade e un lugar que gustará aos viaxeiros máis pequenos.

Tras varios decenios de obras para superar os montes do leste galego, no verán de 1883 comunicáronse definitivamente as liñas férreas existentes en Galicia coas da Meseta Central. A chegada do trazado a Monforte e a inauguración da vía, a cargo do rei Afonso XII, supuxo a comunicación dos portos da Coruña e de Vigo co resto da Península. Era en Monforte onde se daba servizo á liña principal, procedente de Madrid, e o enorme progreso que trouxo o tren á localidade valeulle o título de cidade. En torno á estación xerouse un importante núcleo industrial e de talleres de reparación ferroviaria, ata que, xa mediado o século XX, o cambio de tecnoloxías trouxo o declive. Monforte, especializada en máquinas de vapor, perdeu boa parte dos seus privilexios como nó de comunicacións, aínda que segue a ser unha das estacións máis importantes de Galicia.

Nun daqueles edificios nos que se reparaban as máquinas de vapor sitúase hoxe o MUFERGA. No seu interior consérvase material ferroviario do século XX. Unha das locomotoras máis prezadas é a Mikado, construída no Reino Unido en 1953 e empregada ata 1975 en diversas liñas de toda España. Funcionaba a vapor, e a xeneralización do gasóleo relegouna a tren turístico. Na actualidade segue en perfecto estado e úsase en recreacións históricas. Moi cerca pódese apreciar unha das primeiras locomotoras diésel en entrar en servizo, unha Alco 1812 canadense, ou unha 7700 británica dos anos cincuenta.

Tamén se pode contemplar o luxo de vagóns coma o do coche salón ZZ1, construído en madeira no País Vasco nos anos 20 do século pasado con todos os adiantos da época. Un paseo pola nave permite coñecer, ademais, como eran os centros de mando ferroviarios hai setenta anos a través de maquinaria orixinal e maquetas.

Dentro do recinto pero a aproximadamente un quilómetro de distancia atópase a auténtica xoia do MUFERGA: a rotonda con corenta vías na que, grazas a unha ponte xiratoria, os trens podían virarse de sentido ou introducirse en hangares para a súa reparación. É un edificio de enorme importancia histórica, pois en toda Europa consérvanse moi poucas con estas características. Pódese visitar unicamente coas visitas guiadas, que hai que concertar previamente co Museo, e o seu aspecto, como acabado de saír dunha serie de debuxos animados, faina inesquecible para os máis pequenos.

Tamén gozarán os nenos co tren en miniatura que percorre todas as instalacións do MUFERGA. A pequena vía atravesa túneles, cambios de agullas e mesmo unha estación a escala facendo aos rapaces os protagonistas dunha historia puramente monfortina.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *