Moncho Bargo (Spoom, A Coruña) galeguiza un clásico italiano para De Tapas por Galicia
Moncho Bargo, do restaurante Spoom, será o representante da Coruña na final do Premio Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia. O pincho co que gañou o concurso Picadillo é un Taco de osobuco asado a baixa temperatura con crema de pataca e trufa. Baseándose nunha receita clásica italiana, Bargo substitúe o tradicional risoto polas máis galegas patacas, e presenta a carne estufada, prensada e presentada en forma de taco.
O chef formouse na cociña tradicional no restaurante Alarico de Allariz, para despois pasar por fogóns internacionais e recalar finalmente no Spoom, un local de cociña de inspiración italiana traída á actualidade.