Modernismo coruñés

A Coruña foi durante séculos a porta de entrada en Galicia de ideas liberais e estilos artísticos de vangarda. Na arquitectura, a cidade destaca por ser, xunto con Ferrol, a que máis e mellores exemplos de modernismo alberga, tanto en edificios públicos coma en vivendas particulares.

Algunhas casas poden pasar desapercibidas, como a que Ricardo Boán deseñou en 1913 con inspiración musulmá fronte á igrexa de San Nicolás; outras son icónicas, como a Casa Bescansa, na Mariña. Este edificio resalta enormemente ao estar situado no medio desta mazá exterior da praza de María Pita e non contar con galerías nin ser branca, senón amarela. Por isto, os coruñeses bautizárona como Dente de ouro. Foi edificada en 1926. Na mesma zona da Mariña está a Casa Rey, reinterpretación modernista das galerías proxectada por Julio Galán en 1911. Destaca o traballo en ferro, obra da factoría local Wonemburger, e a decoración do portal, cunha porta que evoca a cola dun pavo real en madeira e vidro.

O modernismo coruñés é debedor do centroeuropeo, máis sobrio que o seu parente francés ou do catalán. É o caso da Casa Cabanela, outra obra de Julio Galán na zona de San Andrés. Deseñada para albergar un ultramarinos, é notable a solución para dar luz ás escaleiras, mediante grandes óculos. Na entrada da zona vella desde María Pita atópase a severa e afrancesada Casa Molina, co seu recoñecible remate en altura, obra do arquitecto Rafael González Villar.

Capítulo aparte merece a concentración de vivendas modernistas da Praza de Lugo. No número 11, a Casa Reboredo loce azulexos con cisnes, xuncos e floreiros con plantas frescas. Facendo esquina coa rúa Compostela, Galán edificou unha preciosa mole branca con grandes balcóns de pedra, un precioso portal cuberto de estuco e unha decoración na que se ven leóns, aguias ou cariátides. No número 13, a Casa Arambillet chama a atención polo seu ático rematado en arco e o rostro feminino que a preside; no 22, a decoración vexetal dos pisos máis baixos interrómpese no último piso, desde onde ducias de ollos parecen contemplar aos transeúntes.

Outro foco de modernismo arquitectónico é o xardín de Méndez Núñez. Aquí atópase o Kiosco Alfonso, un dos lugares de recreo preferidos dos coruñeses desde a súa edificación en 1912. O seu arquitecto foi González Villar, e foi café cantante, restaurante, teatro e tamén un cine moi peculiar: podíase ver a película desde ambos lados da pantalla (quen o facía desde detrás pagaba menos). Xusto ao lado está a Terraza, máis sobria, ocupada polo centro territorial de Televisión Española.

Fóra do circuíto habitual do turismo, na rúa Juan Flórez, poden verse as escolas Labaca, edificadas en 1912 polos filántropos locais Ricardo e Angelita Labaca no que entón era un barrio obreiro da periferia coruñesa. Destaca o seu exterior e a súa torre neogótica.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *