Maxia e lendas de Galicia

Se hai un lugar en España cargado de lendas e de maxia, ese é, sen dúbida, Galicia. Por algo é coñecida como terra de meigas e de trasnos.

É por iso que hoxe referímonos a esas historias que, reais ou non (quen sabe?), transcenden ao longo dos anos, pasando de xeración en xeración.

Algunha vez escoitaras falar da Santa Compaña? É, quizais, a máis coñecida das lendas e a que máis terrores espertou entre nenos e adultos ao longo do tempo. Trataríase dunha procesión de almas en pena encabezadas por unha persoa viva (a primeira coa que se cruzaron esa noite) e cuxo propósito é visitar, despois da medianoite, a aquelas persoas ás que queren poñer en aviso dunha morte futura.

Esta é, quizais, a lenda máis temible, pero hainas de todos os tipos…

Din que na zona do Morrazo, no Monte Paralaia, hai unha cova repleta de tesouros e de pasadizos secretos que desembocan no mar, e que só na noite de San Xoán se pode acceder a ela para tentar rescatar o ouro alí escondido, debido a que só na medianoite do 24 de xuño sairán as mouras que alí viven para lavar e peitear os seus cabelos, deixando o acceso libre.

É precisamente a noite de San Xoán outra das que ten máis maxia arredor. Por iso, son numerosos os rituais que se repiten cada ano en todos os puntos de Galicia co fin de chamar á boa sorte ou rematar cos feitizos das meigas. Un dos máis coñecidos é o de saltar nove veces por enriba dunha fogueira; só así atraeremos a boa sorte e faremos que se cumpran os nosos desexos, ademais de afastar os “males de ollo”, posto que o lume daranos protección. Outra tradición é recoller plantas aromáticas de diferentes clases, deixalas en auga ao luar toda a noite e, pola mañá, lavarse con esa auga.

Pero sigamos coas lendas…

En Monforte de Lemos, no Mosteiro de San Vicente do Pino, é famosa a lenda da coroa de lume. Fala esta lenda da existencia dun pasadizo subterráneo entre o pazo no que residían os Condes de Lemos e a igrexa de San Vicente. Contan que, durante as ausencias do Conde, o abade do Mosteiro aproveitaba ese pasadizo para ir aos seus encontros coa filla do conde, coa que mantiña un romance secreto. Un día, o Conde decátase e decidiu convidar o abade ao seu pazo a un xantar e, no decurso deste, por sorpresa, un dos seus colaboradores colocoulle ao abade unha coroa de ferro ao lume vivo sobre a súa cabeza, provocándolle a morte ao instante.

E sabes como naceron as rías nestas terras? A lenda di que Deus, no sétimo día da súa creación, sentou a descansar no cume do monte de Santa Trega, na Guarda. Cando estaba alí sentado, escorregouse no seu asento, pois todo estaba cheo de lodo debido ás intensas choivas, e para tentar manter o equilibrio, apoiou a súa man dereita sobre o lodo. Foi así como, ao retirar a súa man, deixou cinco grandes fendeduras que rapidamente foron ocupadas polo mar, dando lugar ás rías de Vigo, de Pontevedra, de Arousa, de Muros e Noia e a de Corcubión..

Estas son só algunhas, pero o certo é que Galicia está repleta de historias e lendas.

Cales coñeces ti?

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *