Mananciais de Verín

Nunca faltan razóns para visitar Verín, unha das vilas máis entroideiras de Galicia. O viaxeiro pode pasear polo seu casco urbano para coñecer as pequenas prazas, o convento dos Mercedarios ou a vella casa dos Acevedo, facendo unha parada de cando en cando para tomar un viño da Denominación de Monterrei e unha tapa. Debe, por suposto, subir ata o espectacular Castelo de Monterrei, no veciño concello do mesmo nome pero moi próximo ao centro urbano, un auténtico palacio fantasticamente conservado que afunde as súas raíces no século XII. E pode tamén aproveitar iniciativas turísticas tan interesantes como a da ecovía ciclista do río Támega ou, por suposto, a proximidade da vila con Portugal e a fermosa vila de Chaves.

Mais, é obrigada para quen visita Verín coñecer a pegada do termalismo na localidade. E ningunha maneira é máis axeitada para facelo que paseando con calma polo parque que rodea o manancial de Cabreiroá.

A soa mención deste nome sitúa a case calquera: Cabreiroá é unha marca moi coñecida en toda España polas augas embotelladas, e o manancial do que xorden está a apenas uns minutos a pé do centro de Verín. A volta é ademais moi agradable, posto que a fonte sitúase no medio dun parque moi amplo, ocupado por grandes árbores de varias especies autóctonas. E agora, un pouco de historia.

O manancial de Cabreiroá fíxose coñecido fóra de Verín canda moitas outras fontes medicinais, no momento de esplendor do termalismo: o tramo final do século XIX. Naquela altura, viaxar para “tomar as augas” era unha actividade propia de xentes distinguidas, e moitas acudían a Verín para tratarse de males diversos. A confirmación para a popularidade de Cabreiroá chegaría no comezo do século XX, cando o doutor Santiago Ramón y Cajal analizou a auga e certificou o seu valor medicinal. Corría o ano 1906, o mesmo no que o médico foi galardoado co Premio Nobel.

O primeiro terzo do século XX foi de gran actividade. O edificio principal é daquela época: trátase dunha deliciosa construción con aires art decó, de planta octogonal, en cuxo centro se atopa a fonte principal, que brota debaixo dunha fermosa cápsula de vidro na que fai burbullas a auga antes de saír ao exterior. Este quiosco era o elemento central dun complexo no que tamén se erixiron un hotel balneario e unha factoría para embotellar as augas, aínda en uso. Coa Guerra Civil o balneario sufriu: foi transformado en hospital e en cuartel, e non recuperou a puxanza ata os anos sesenta. Na actualidade é a actividade de envasado de augas a que máis peso ten. Cabreiroá pasou xa do século de historia con moi boa saúde.

O mesmo se pode dicir do outro manancial famoso de Verín, o de Augas de Sousas. Situado apenas a quilómetro e medio ao sur, é un dos máis antigos de Galicia. Aínda hoxe se pode visitar o antigo quiosco que gorece a fonte, xusto fronte á fábrica de envasado doutra auga que leva o nome de Verín polo mundo adiante.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *