Herbeira, Santo André e o “pé do vento”

Situado a 700 metros de altura, o miradoiro da Garita de Herbeira está entre os cantís máis altos de Europa. Unha ollada desde as alturas cara ao mar sobresalta mesmo aos que non padecen de vertixe: unha caída case vertical de case media milla e unhas amplas vistas sobre o océano son capaces de quitar o alento a calquera.

A Garita de Herbeira é o punto máis elevado dos cantís que forma a Serra da Capelada ao se atopar co mar. A este territorio frecuentemente azoutado polos ventos pode chegarse subindo desde Cariño (e quizá facendo parada a media ascensión no fermoso Miradoiro da Miranda, con amplas panorámicas sobre a ría de Ortigueira); ou desde o mesmo centro da vila de Cedeira. Esta última vía é a que utilizan os camiñantes que realizan algunhas das rutas de sendeirismo máis populares da zona, como son a Ruta dos Peiraos ou Camiño de Santo André.

Porque é aquí, a medio camiño entre Cedeira e Herbeira, onde se atopa a mítica aldea de Santo André de Teixido. Todos os que coñecen e cren na tradición saben que é imposible librarse de visitar esta pequena vila encaixada entre barrancos e colgada sobre o mar: o que non foi de vivo irá unha vez morto, reencarnado en pequeno animal. Agora en serio: Santo André de Teixido é un dos centros de peregrinación espiritual máis populares de Galicia e tamén un lugar ao que cómpre ir aínda que non se teñan ese tipo de inquedanzas. A sinxela igrexa, a manchea de casas que a rodean, a baixada á fonte e un paisaxe agreste e idílico fan desta zona unha das imprescindibles do norte galego.

A estrada que comunica Cedeira coa Garita de Herbeira é estreita e vira a dereitas e esquerdas sobre o cantil, pasando xunto a varios miradoiros desde os que se divisan, á esquerda, as impoñentes moles do cabo Prior e a costa recortada ata Valdoviño; e á dereita os mesmos acantilados e as casas brancas de Santo André. No traxecto hai que ter coidado: as vacas e os cabalos, ceibos nesta parte da Capelada, camiñan con total liberdade por un territorio que é seu desde hai centos de anos.

Un dato máis, moi curioso, sobre esta zona máxica de Galicia. Nos cantís de Herbeira ocorre un fenómeno asombroso, que os locais coñecen como “o pé do vento”: trátase dunha espesísima nube que se sitúa sobre a serra da Capelada en días nos que o vento do nordés sopra con forza, e que coinciden ás veces coas xornadas soleadas do verán. Así, pode ocorrer que en Cedeira faga un día espectacular mais, nas alturas, a nube corra acantilado arriba cubrindo o ceo e baixando as temperaturas considerablemente. Nestes casos, gozar da paisaxe é complicado e conducir pola estrada de Santo André pode meter algo de medo, pero o ambiente misterioso é certamente difícil de igualar.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *