Guitiriz e a torta de millo

Cando as viaxes en coche non eran tan rápidas e cómodas coma as de agora e os condutores debían enfrontarse a longos percorridos cheos de curvas e de camións lentos, en moitas estradas había vilas nas que a atención aos viaxeiros era un bo complemento para a actividade económica habitual. Os automobilistas coñecían perfectamente onde repoñer combustible, onde facer unha parada e, tamén, onde comprar produtos que en ningún outro lugar se podían mercar. Por historia e atractivos, Guitiriz é moito máis que iso, pero unha das súas producións gastronómicas non pode faltar entre as adquisicións de quen atravesa a antiga N-VI (ou a actual A-6) entre Lugo e A Coruña: a torta de millo.

Trátase dun biscoito denso, contundente, esponxoso e de sabor moi doce, e pode mercarse nas panadarías do centro da vila (aínda que nos últimos tempos é doado atopala tamén en supermercados de toda Galicia). Coma en tantos outros produtos gastronómicos singulares, a receita exacta é un misterio só coñecido polos reposteiros, polo que é recomendable probala in situ. De todos modos, a utilización de manteiga de vaca é clave para o resultado final.

A torta de millo de Guitiriz é unha escusa perfectamente válida para visitar unha vila que leva séculos sendo cabeceira da zona. O mesmo nome do municipio dá razón da súa antigüidade: os topónimos rematados en -iz adoitan ter orixe xermánica, e proceden da época (séculos V e VI) na que os suevos reinaban en Galicia. De feito, o seu nome refírese probablemente ao monarca suevo Witerico, a quen se atribúe a fundación da localidade. Aínda que o certo é que, volvendo á importancia das vías de comunicación na historia da vila, sábese que pola zona pasaba a vía romana empregada para viaxar entre Lucus Augusti e Brigantia.

Terra subsidiaria dos mosteiros de Monfero e de Sobrado dos Monxes, Guitiriz foi nomeado concello xa a principios do século XX. O concello conta con varias edificacións que paga a pena visitar, como a monumental Santa María de Lagostelle, construída hai apenas medio século pero con pouso de templo antigo, no centro do casco urbano; ou os pazos da Pontella e de Casanova.

Durante todo o século XX, Guitiriz foi punto de atracción das xentes dos arredores pola puxanza do seu balneario, que aproveita o nacente chamado Fonte dos Santos ou de San Xoán de Lagostelle. A fama das augas como remedio para os males estomacais e dixestivos concedeulle unha época de esplendor entre o ano 1908, en que abriu o espectacular hotel, e os anos setenta, cando tivo que pechar. A principios do XXI o balneario renovouse e construíuse arredor un campo de golf, na zona sur da vila. Unha curiosidade: o edificio foi empregado durante a Guerra Civil como hospital para combatentes, e aos musulmáns se lles construíu unha pequena mesquita dentro do recinto do balneario. O templo, de apenas 50 metros cadrados, segue alí, camuflado entre as árbores espesas da contorna.

Cada mes de agosto, a parroquia guitiricense de Pardiñas acolle a milleiros de espectadores que acoden a presenciar un dos acontecementos de música folk de máis longa traxectoria dos que se organizan en Galicia. A Feira e Festa da Música e da Arte, coñecida como Festival de Pardiñas, leva preto de corenta edicións: comezou a celebrarse en 1980 e reúne a grandes nomes da música tradicional galega, ademais de incorporar a grupos doutros países e latitudes.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *