Galicia, un paraíso para a BTT

Galicia é un paraíso para facer bicicleta de montaña. Desde paseos relaxados á beira do río a competicións de maratón de grande dureza, existen opcións para todo tipo de ciclistas en calquera mes do ano.

Unha boa maneira de coñecer novas rutas e paisaxes é anotándose nalgunha das moitas marchas ciclistas que se organizan por toda a comunidade ao longo do ano. Co gran auxe deste deporte nas últimas temporadas, é rara a fin de semana na que non se poda participar nunha proba, competitiva ou, na maior parte dos casos, de tipo cicloturista. Hainas de todas as clases e duracións, desde as que reúnen a pequenos grupos de participantes baixo a organización de clubs locais (como as moi veteranas Ruta do Salmón na Estrada, Pico da Lebre e Foz, Faro de Budiño no Porriño…) ata grandes eventos con centos e mesmo milleiros de participantes (caso da Pontevedra 4 Picos, a Eurocidade Tui-Valença ou a BTT Cidade de Ourense). Na rede poden atoparse varias webs con calendarios, e a Federación Galega de Ciclismo destaca no seu as máis importantes de cada semana.

Tamén son ideais para coñecer as diversas paisaxes galegas os Centros BTT Galicia impulsados por Turismo de Galicia. Estes centros son puntos de atención aos deportistas que facilitan a súa experiencia con rutas sinalizadas con símbolos moi fáciles de comprender, e clasificadas segundo o seu nivel de dificultade. Existen na actualidade varios centos quilómetros de percorridos deste tipo. Os Centros contan tamén cun Punto de Acollida con servizos para bicis e ciclistas, e mesmo ofrecen a posibilidade de alugar bicicletas se se desexan.

Na actualidade son catro os Centros BTT Galicia en funcionamento. O da Ribeira Sacra permite percorrer este territorio máxico a cabalo entre os ríos Sil e Miño, coñecendo xoias do románico ou a natureza salvaxe do río Mao, e combinando a práctica deportiva coa excelente gastronomía da zona. O Centro ten dous puntos de acollida, un no pavillón de Luíntra (Nogueira de Ramuín) e outro no albergue da Fábrica da Luz de Parada de Sil.

Máis ao sur atópase o Centro BTT Serra do Xurés, punto de partida para rutas que exploran esta zona fronteiriza entre Galicia e Portugal. Os puntos de acollida atópanse no complexo turístico deportivo do Corgo (Mugueimes, Muíños) e no Centro de Montaña Aviva de Maus de Salas (Muíños). Tamén na fronteira con Portugal atópase o Centro BTT Portas de Galicia, con puntos de acollida na Casa da Viúva da Gudiña e na Casa da Cultura de Viana do Bolo. De aquí parten 244 quilómetros de ruta polos municipios da Gudiña, A Mezquita, Riós, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Finalmente, no Salnés atópase un dos Centros BTT máis concorridos, o primeiro en ser inaugurado. O seu punto de acollida atópase no Campo de Golf de Meis e as rutas, moi populares, permiten gozar da contorna do Mosteiro da Armenteira e de vistas inigualables entre o monte e as rías de Arousa e Pontevedra.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *