Galicia, paraíso da escalada II

Esta semana traémosvos a segunda entrega do paraíso da escalada deportiva. Hoxe centrarémonos en Ourense e Lugo, as dúas provincias máis montañosas de Galicia. 

 

En plena Reserva da Biosfera Terras do Miño atopámonos con O Veral, no Carballido (Lugo). 

A tan só 15 minutos de Lugo capital, esta zona de escalada atópase emprazada en bonitas paredes de granito gris. Conta cunhas 20 vías e a altura media é de 10 metros. Ademais atoparás variedade de placas, unhas máis tombadas e outras máis verticais elevando o grao de dificultade. Esta pequena escola de escalada era antigamente unha canteira que, tras anos abandonada, acondicionouse para o goce dos intrépidos “gatos”.

 

En Foz, tamén na provincia de Lugo, elévase Pico da Frouxeira. Con 427 metros de altitude esta zona consta de placas de adherencia, regletas e fisuras. As vías teñen entre 12 e 30 metros de granito de cristais grandes. 

Na contorna, atópanse os restos do Castelo da Frouxeira, fortaleza que pertenceu ao Mariscal Pardo de Cela. Esta plataforma rochosa ten un dominio visual das terras de Foz e do litoral do nordés, de Alfoz, e Valadouro no sector oeste, e do produtivo e verde val de San Martiño de Mondoñedo aos seus pés.

 

Pola serra do Courel, chegamos a Visuña, no concello de Folgoso do Courel. 

Esta escola conta con 38 vías cunha altura media de 15 metros. En xeral constan de vías curtas sobre esborralle e bo canto. E ao contrario do que abunda en Galicia que é o granito, a escalada faise sobre pedra calcaria. 

Poderás ademais gozar de paraxes que rodean Visuña como pode ser a aldea da Seara e por suposto as paisaxes que nos debuxa este espazo natural do Courel.

 

E adentrámonos xa na provincia de Ourense. A nosa primeira parada será en Covas, unha pequena aldea de Rubiá.  

Esta escola atópase en pleno Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, polo que a escalada está prohibida nalgunhas zonas e regulada noutras. Así, necesitarás solicitar permiso cuns días de antelación para poder practicar o teu deporte favorito.  

Terás que cubrir este impreso, presentalo nun rexistro oficial e enviar a copia presentada a servizo.conservacion.natureza.ourense@xunta.es.

Estamos ante un dos poucos sectores de calcaria que hai en Galicia, cunha calidade de vías moi alta, e que roldan os 20 metros.

 

E seguimos por Ourense. Esta vez imos á escola dos Canóns do Sil, en Os Peares. Considerado o punto natural de inicio da Ribeira Sacra, aquí conflúen xunto ao Río Búbal, os dous grandes ríos galegos, o Miño e o Sil. Poderás usar os teus pés de gato ao longo de 100 vías repartidas en 8 sectores de granito gris e laranxa, en xeral con canto.

Cun equipamento moi bo atoparaste paredes que van desde os 10 ata os 40 metros de altura.

Esta zona tamén é de especial protección así que deberás seguir os mesmos pasos anteriormente explicados pero cumprimentando o seguinte impreso.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *