Galicia convídate a mirar aos ceos para gozar do astroturismo

Galicia é coñecida polas súas praias, a súa gastronomía, as súas paraxes naturais ademais  da súa riqueza arquitectónica e etnográfica. Con todo, hai outros moitos atractivos que, malia que pasen máis desapercibidos, tamén che están agardando nesta terra. Un deles é o denominado  astroturismo, o turismo orientado aos afeccionados á astronomía. Nesta guía propoñémosche algúns dos lugares e actividades que non te podes perder se es un verdadeiro fan dos ceos estrelados.

 

Parque Nacional das Illas Atlánticas 

A Fundación Starlight, entidade impulsada desde o Instituto de Astrofísica de Canarias, concede anualmente certificacións a aqueles lugares que cumpren unha serie de requisitos que acreditan unha excelente calidade de ceo. Galicia conta con dous sitios certificados, e un deles é o arquipélago das Illas Cies, no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Situado nas Rías Baixas e formado por catro arquipélagos, ofrece unhas vistas espectaculares do ceo estrelado. Nas Illas non hai contaminación lumínica, o que as converte nun dos mellores lugares de Galicia para a contemplación estelar. Ademais, nas illas hai instalados planisferios celestes para facilitar a interpretación do ceo. Dende alí poderemos observar a Lúa, as estrelas, satélites artificiais, meteoros, estrelas fugaces. 

Pena  Trevinca

O punto máis elevado de Galicia, en Pena  Trevinca (A Veiga) é o outro destino  Starlight da comunidade. E non é só cuestión de altitude, posto que as condicións lumínicas e a ausencia de edificios confírenlle ao lugar as condicións idílicas para a observación do ceo nocturno. As mellores vistas son as dos miradoiros estelares do Rañadoiro e Tablilla das Lagoas. Ambos contan con paneis informativos e planisferios con manuais de uso. Se o que prefires é ir acompañado nunha visita guiada podes consultar o Facebook do Destino Turístico Starlight Trevinca, xa que organizan actividades mensuais.

 

Casa das Ciencias

No parque coruñés de Santa Margarida está situada a Casa das Ciencias. Aínda que o resto do museo está pechado, o planetario, situado na cúpula superior, acaba de reabrir as súas portas tras a pandemia. Reservando previamente cita na súa web, poderás gozar dunha proxección esférica de excelente calidade que reproduce con gran realismo o ceo nocturno, o Sistema Solar ou a Vía Láctea. Actualmente hai catro sesións sesións diarias con contidos diferentes ás 11:00, 13:00, 17:00 e 19:00 horas por un prezo de dous euros.

 

Observatorio de Forcarei

Preto do lugar das Casetas, no municipio pontevedrés de Forcarei, atópase un dos principais observatorios de Galicia, o Observatorio Astronómico de Forcarei. Está situado no alto dun outeiro con moi pouca contaminación lumínica, ao non haber núcleos de poboación próximos. Ademais, o sistema montañoso protéxeo das luces doutros concellos próximos. Deste xeito obtense unha situación propicia para a observación do ceo estrelado en 360º, tanto ao descuberto como a través de telescopio. Para concertar unha visita só é necesario poñerse en contacto co observatorio a través da súa web e facilitar os datos requiridos. 

 

Programa ‘Astronomía  nas Rutas Xacobeas’

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela organiza o programa ‘Astronomía nas Rutas Xacobeas’. Esta iniciativa pretende divulgar a astronomía por toda Galicia a través de sesións de observación nocturna, presentacións, conferencias… Nelas explícase a conexión das estrelas e da Vía Láctea co Camiño de Santiago e os peregrinos. O programa comezou en xullo, estenderase ao longo do mes de agosto e rematará en setembro.

 

Outras instalacións, como as do observatorio de Cotobade permanecen aínda pechadas por mor da pandemia do coronavirus, pero Galicia dispón doutros moitos lugares nos que deterse a mirar ao ceo. Miradoiros situados en cumes ou lugares apartados de núcleos de poboación, moitos espazos de zonas rurais afastados da contaminación lumínica e mesmo concorridas praias que se baleiran de bañistas e luz á noitiña agardan para mostrarnos o espectáculo que se abre sobre as nosas cabezas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *