Expresións galegas sobre comer (e comer ben)

Non hai maneira de negalo: en Galicia somos bos comedores. E moitos dos que nos visitan fano precisamente por iso, porque saben que aquí atoparán unha gastronomía excelente e produtos sen igual. Para aqueles que veñan buscando deleite culinario, non está mal coñecer algunhas expresións do idioma galego relacionadas coa comida, a bebida e o goce que producen.

Xa se sabe que en Galicia non todo é “chegar e encher”, a barriga neste caso. Habitualmente, antes da comida é procedente “mollar a palleta” (tomar un viño ou un aperitivo, na forma na que o facían os gaiteiros antes de tocar, de aí o da “palleta”) e facerse con algún “petisco” antes de se sentar a comer en serio. Esta labor previa lévase moi ben en locais coma os “furanchos”, casas particulares nas que se vende o viño de colleita propia.

Unha vez á mesa, hai que concentrarse no importante, porque xa se sabe que “soprar e sorber non se pode facer” ou, como diría calquera avoa atenta, o bo gastrónomo é aquel que “come e cala”. Daquel que come con avidez e lle gustan todas as receitas dise que “é de bo dente”. Tamén hai xente á que o de papar non lle presta especialmente, pero acaba caendo, porque xa se sabe que “comer e rañar, todo é empezar”. Aínda que os menús galegos son fáciles de dividir en entrante, prato principal e “sobremesa” (postre), non hai que ter medo se un confunde a orde dos alimentos, porque, como se adoita explicar, “todo vai para o mesmo sitio”.

O máis habitual en Galicia é que a comida resulte tan satisfactoria que un poida dicir cousas como “quedei coma un Pepe”, “comín coma un bispo” ou “comín coma un cura”. Hai que facerllo saber ao anfitrión, pois senón este preguntará: “Quedaches con fame?”, para despois ofrecerse a fritir chourizos, improvisar unha tortilla ou sacar o xamón da adega. Se non se quere máis, pode afirmarse: “Non me colle nin unha cereixa”.

Pero hai que ter coidado, non se pode andar de enchente en enchente a risco de pasarse e “ir coma un pipo”, é dicir, sobrealimentado. Tamén pode pasar que se o de comer en exceso se converte en hábito un acabe engordando e lle digan que “está de bo ano”, ou que lle quede fama de “larpeiro”, “lambón”, “lapón”, “comellón”, “tripeiro”, “enchedoiro” ou unha das múltiples palabras que ten o galego para designar ao amante da boa mesa. E xa non falemos daquel que se pasa coa bebida, a quen, como pouco, poden cualificalo de “tinallas”. Así que, despois dunha gran “paparota”, non está de máis relaxarse no gastronómico. Xa se sabe que “de banquetes e grandes ceas están as sepulturas cheas”.

2s comentarios

  1. Não falo o galego, mas conheço português perfeitamente assim como o espanhol, é um grande prazer poder ler a língua mãe destes dois idiomas, entendo perfeitamente o que escreveram e os parabenizo por difundir uma língua que tanto me apraz.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *