Estaca de Bares, divisoria de dous mares

Coma un puñal atravesando as augas, Estaca de Bares divide en dous o océano, o Atlántico a un lado e o mar Cantábrico ao outro. Cada cabo dos que posúe a costa galega ten o seu espírito distintivo e este non é unha excepción, por paisaxe e por historia.

Estaca de Bares é o lugar máis ao norte de toda a Península Ibérica e un deses puntos xeográficos clave que estudan todos os escolares de España. Pertence a Mañón, un concello situado á beira do río Sor e cheo de enclaves naturais de gran beleza e de pequenas vilas como O Barqueiro ou Bares, que conservan todo o encanto das localidades mariñeiras de antes.

O cabo, frecuentemente azoutado polo vento do nordés, é un auténtico santuario para as aves. Centos de miles delas (alcatraces, pardelas, gaivotas, corvos mariños…) viven aquí ou utilizan a zona como paso nas migracións. A ambos os dous lados desta divisoria de mares esténdese unha costa abrupta e salvaxe. Ollando cara ao norte, á dereita quedará a ría de Viveiro; e á esquerda, a de Ortigueira, co cabo Ortegal, en tantas cousas semellante á Estaca, pechando a liña do horizonte. No estremo do cabo atópase o faro, unha estrutura edificada en 1850, a época na que se empezaron a tomar medidas para paliar a bravura da costa norte galega. Ao seu pé nacen varios camiños que levan practicamente á beira do acantilado, pasando xunto a unha vella torre de sinais. Un vento forte, de indescritible aroma salgado, está garantido.

Preto do faro, camiñando cara ao leste pola estreita estrada costeira, uns edificios abandonados chaman a atención do viaxeiro. Trátase da chamada base americana de Bares, en realidade unha estación emisora do sistema de navegación LORAN, precursor do GPS e guía dos barcos e avións militares estadounidenses durante decenios. A base funcionou entre 1961 e 1991 e os seus habitantes, os soldados primeiro das forzas aéreas e logo da US Navy, foron os introdutores na zona de símbolos da modernidade coma os pantalóns vaqueiros ou a música rock. A súa pegada aínda se recorda en moitas localidades da zona, de Ortigueira a Viveiro.

Aínda un pouco máis alá, apartado da estrada que une o faro co Porto de Bares, atópase outro edificio, coñecido como “o semáforo”. Trátase dun antigo posto de observación e de sinalización desde o que, no século XIX, se tentaba disuadir aos barcos mediante bandeiras do perigo que supuña acercarse á costa. Hoxe foi reconvertido en hotel.

Estaca de Bares aínda garda unha sorpresa arquitectónica máis, desta volta na súa parte alta. Trátase da coñecida como Garita de Bares, un vello posto de vixilancia situado na parte máis elevada do cabo. Resulta algo complicado chegar a ela, pois accédese a través dunha estreita pista bastante rota, mais paga a pena tentalo: as vistas desde alí son espectaculares, co faro e a base americana no estremo da terra, o mar batendo a ambos lados e os paxaros atravesando o aire a toda velocidade.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *