Equinoccio na capela de San Miguel, en Celanova

O urbanismo da parte antiga de Celanova xira desde hai séculos arredor do Mosteiro de San Salvador, como xirou desde sempre a vida desta importante localidade da provincia de Ourense. O edificio, enorme, maxestoso, comezou a construírse no século XVI, mais as obras prolongáronse durante centurias, dotándoo dunha equilibrada mestura de estilos. A maior parte del foi feito, con todo, no século XVII, co cal a pegada barroca é a fundamental na súa aparencia. Non é este o mosteiro orixinal, pois o primeiro fundouno a principios do século X San Rosendo.

Sede do poder eclesiástico durante séculos, boa parte da vida cultural da vila segue gravitando arredor del hoxe en día. A súa fachada sobria e elegante garda un segredo que lle gustará coñecer a quen goce aprendendo da historia das vilas. Á dereita da entrada principal hai unha pintada, feita con brocha e pintura negra, na que se le “Adiante Semanario”. Podería parecer unha trasnada feita hai catro días, pero o certo é que leva aí desde 1933 e refírese a un semanario de vida efémera promovido por intelectuais como Pepe Velo ou o mesmo Celso Emilio Ferreiro. Este último, un dos grandes autores en lingua galega, conta cun busto unhas ducias de metros máis alá, tamén pegado ás paredes do cenobio.

O gran mosteiro acolle na súa parte traseira un tesouro pequeno en tamaño pero grande en atractivo e interese histórico. Trátase da capela de San Miguel, construída antes do cambio do primeiro ao segundo milenio.

É, polo tanto, un edificio prerrománico, proxectado baixo influencia da arte mozárabe. Este estilo recoñécese ben na forma de ferradura dos seus arcos, tan propia da arquitectura islámica; non en van a pequena igrexa (o interior ten pouco máis de 20 metros cadrados de superficie) levantouse a mediados do século X.

Os muros son moi grosos e ao visitala compróbase o reducido do espazo interior, dividido aínda en tres minúsculas salas. O corpo central é algo máis alto que a ábsida e a antesala. No exterior son moi característicos os modillóns que sosteñen os tellados e tamén as ventás, altas e estreitas. Unha inscrición incrustada sobre a porta, feita na época da construción, pide ao visitante que se rece por un pecador de nome Froilán.

Calquera momento é bo para visitar esta xoia prerrománica, pero se se pode escoller, a data ideal é nun dos equinoccios, é dicir, no primeiro día da primavera ou o primeiro do outono. A igrexa está orientada de tal maneira que os primeiros raios de luz desa xornada atravesan lonxitudinalmente as espigadas xanelas do edificio e crean na parte posterior un efecto fabuloso: da capela parece xurdir unha estrela de luz de seis puntas. É habitual que nesas datas se xunte un bo grupo de persoas para observar o efecto; o punto exacto desde o que hai que facer garda está sinalado no piso do xardín.

Na contorna de San Miguel hai, por certo, vestixios que indican que a zona foi lugar de veneración moito antes de se construír o oratorio, pois unha das laxes da horta podería terse utilizado en tempos antigos para venerar ao sol.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *