Durmir nas copas das árbores en Galicia

Se estás a planear a túa próxima escapada e buscas unha alternativa ás casas rurais ou aos hoteis, traémosche unha opción que che encantará: casiñas no medio do bosque. Aloxamentos que ofrecen toda a tranquilidade da contorna rural. Os que probaron, quedaron con ganas de volver.

 

Preguntaraste, en que consisten estas casiñas? Pois hai de varios tipos. As máis orixinais suspéndense no aire para mesturarse entre as copas das árbores e apóianse nunha estrutura de madeira que conta cunha escaleira para acceder ao interior. Outras, teñen unha altura menor ou mesmo se apoian no chan do bosque. Estas construcións deséñanse de xeito que se integren na natureza respectando as árbores e a vexetación que as rodea. Na súa maioría compóñense de madeira e, algunhas, aproveitan contedores térmicos reciclados que se recobren con madeira tamén.

 

Ese tipo de aloxamentos podémolos atopar na zona sueste da provincia da Coruña, concretamente na Serra de Outes, en Mourelos e en Mirans-Araño.

 

En canto ao interior das instalacións, inclúen todo o necesario e máis. Cociña, cheminea, colchóns de látex, wifi… mesmo podes contar con bañeira hidromasaxe, televisión e terraza con vistas. Como vedes, estas cabanas dispoñen de todas as comodidades para desconectar e gozar ao máximo da escapada.

 

Os prezos oscilan entre os 100-140 euros a noite en tempada baixa, e entre 120-160 euros a noite en tempada alta, dependendo do tipo e a localización, tendo capacidade para entre dúas e catro persoas.

 

É o plan perfecto para facer unha escapada romántica coa túa parella, ou para ir en familia e achegar aos pequenos á contorna rural, encantaralles! Pódese gozar da natureza, da gastronomía e, dependendo das que elixas, tamén poderás gozar do río ou do mar. Ademais, a estancia pode ir acompañada de diferentes actividades de lecer: sendeirismo, salto desde pontes, rutas a cabalo, tirolesa, barranquismo, balsismo, kaiak… unha infinidade de posibilidades que farán da túa experiencia algo inesquecible. A estancia tamén permite contemplar a fauna autóctona e descubrir especies pouco coñecidas. Todo un privilexio para os amantes da natureza, e de Galicia.

 

Esquece a rutina estresante, ven gozar da tranquilidade da natureza e déixate namorar polo ambiente acolledor das casiñas do bosque.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *