Domingo Fontán e a ‘Carta xeométrica de Galicia’

Domingo Fontán foi o responsable da primeira imaxe concreta, científica e real que se tivo de Galicia a través da cartografía. Antes da publicación do seu famoso mapa topográfico a mediados do século XIX, o territorio ocupado pola comunidade fora debuxado en múltiples ocasións, pero nunca con aquel grao de detalle e de exactitude. A tarefa levoulle a Fontán longos anos, mais garantiulle un lugar de honra na memoria cultural galega e un sitio no Panteón de Galegos Ilustres.

De feito, os restos de Fontán (Portas, 1788-Cuntis, 1866) foron soterrados en 1988 neste lugar, situado na igrexa do mosteiro de San Domingos de Bonaval en Compostela. O ilustrado pontevedrés comparte espazo, pois, cos máis afamado da intelectualidade galega: Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Castelao ou Ramón Cabanillas repousan tamén nestas estancias, lugar de memoria dos feitos dos galegos máis destacados.

Domingo Fontán naceu no fértil val de Portas, moi cerca de Caldas de Reis (Pontevedra), dentro dunha familia acomodada. Despois de estudar Filosofía, Ciencias e Teoloxía en Santiago, fíxose profesor na entón única universidade que existía en Galicia. En 1817 comezou a traballar na que sería a súa obra magna: medir e fixar sobre un mapa todo o territorio galego na que sería coñecida como Carta xeométrica de Galicia. Non remataría ata 1834.

Hai que facer un esforzo para recrear a dureza dos traballos que debeu pasar o ilustrado Fontán para levar adiante o proxecto. Percorreu Galicia de norte a sur, de este a oeste, durante preto de dous decenios, a pé moitas veces, a cabalo ou en carro noutras, chegando a terreos que aínda hoxe son de difícil acceso, armado coas ferramentas de medición da época e facendo fronte nalgunha ocasión ás reticencias dos paisanos.

“Levantada e construída na escala do cenmilésimo polo doutor D. Domingo Fontán”, como reza a súa cartela, a Carta aínda tería que pasar por máis vicisitudes antes de se converter no símbolo que hoxe é. Despois de que o autor a presentara en 1834 á entón raíña rexente, María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, a impresión tardaría en finalizarse unha década máis. Só foi en 1845 que saíu de París disposta a alumear a mente de polo menos uns poucos cidadáns coa curiosidade e os cartos suficientes. Hoxe existen copias en varias institucións galegas, e contemplalas é un pracer para a vista grazas ao detalle que o autor acadou no seu día.

Fontán, que finou no balneario da moi próxima localidade de Cuntis, foi de todo no último treito da súa vida: deputado liberal por Pontevedra en Madrid, propietario dunha das primeiras fábricas de papel de Galicia, deseñador da vía férrea entre Compostela e Carril, a primeira que vertebrou o territorio… na que foi a súa casa, en Porta do Conde, en Portas, aínda é posible ver unha inmensa placa de mármore na que se recordan as contribucións que fixo ao progreso da terra na que viviu.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *