Descobre os beléns galegos

Este mes dá comezo a tempada do Nadal e xa empezan a verse os primeiros beléns dos que se poderá gozar ata xaneiro por toda a Comunidade Galega.

En Valga poderedes atopar un Belén artesanal en movemento que está catalogado de interese turístico por ser unha das composicións máis espectaculares de Galicia, xa que está considerado como o belén artesanal en movemento máis grande da comunidade autónoma e un dos máis importantes de España.

Consta de algo máis de 3.000 pezas, moitas delas en movemento. Estas pezas están talladas á man e feitas con obxectos reciclados, papel, escaiola, pasta de modelar, arame… sendo un traballo artesanal cento por cento.

Neste Belén de grandes dimensións non entran só as escenas típicas relixiosas, senón que tamén hai aspectos relacionados coa actividade e a actualidade de Valga e de toda España. Pódense atopar escenas  de diversa índole como unha señora muxindo unha vaca, procesións que teñen lugar ao longo de todo o ano no municipio, a Santa Compaña, a elaboración do viño…  Tamén hai sitio para a actualidade española coma a presenza dos xogadores da Selección Nacional de Fútbol ou os debates electorais.

Desde 1995 é un dos acontecementos máis esperados en Galicia nestas datas. É posible levalo a cabo grazas á Asociación Cultural de Amigos do Belén de Valga e Concello de Valga.

En Begonte, tamén catalogado de interese turístico, o seu belén electrónico móntase no Centro Cultural José Domínguez Guzmán de modo interrompido desde o ano 1972. Inaugúrase o primeiro sábado de decembro e pódese visitar ata o último sábado de xaneiro.

O belén consta dunha superficie de 150m2 e ten máis de 150 pezas artesanais, realizadas polos seus veciños, con mecanismos electrónicos para que se poidan mover. As figuras, que representan os oficios tradicionais, renóvanse cada ano.

Ademais destes beléns, tamén podes visitar o da Catedral de Santiago, un belén de estilo napoleónico; o de Betanzos,  onde hai unha representación da narración; ou o Belén Xigante de Viveiro, a escala natural e de gran realismo, entre outros.

Podes visitar moitos beléns de estilos moi variados, xa tes un favorito?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *