De Tapas por Galicia premia ao mellor cociñeiro nunha gala en Santiago
¿Cal é o mellor petisco do país? Turismo de Galicia reunirá o próximo 31 de marzo en Santiago aos gañadores dos concursos de tapas das sete cidades galegas, na primeira edición dun evento que decidirá quen é o autor do mellor pincho da temporada. En De Tapas por Galicia, sete dos cociñeiros máis reputados da Comunidade mostrarán na Cidade da Cultura as súas creacións, galardoadas por xurados profesionais e cheas de creatividade e innovación.
A cita consistirá unha gala show cooking en directo na que os chefs porán en práctica as receitas gañadoras. Entregaranse tres distincións: o Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, outorgado por un xurado de expertos do sector; o Especial do Público, decidido polos asistentes ao evento; e o Premio Especial As Tapas Estrella Galicia, destinado á creación que mellor combine coas cervexas da firma, copatrocinadora da iniciativa.
Sete cociñeiros, gañadores de cadanseu concurso na súa localidade de orixe e representantes da excelencia culinaria galega, participan en De Tapas por Galicia con ideas que se basean tanto en pratos tradicionais como na cociña asiática ou nas técnicas gastronómicas máis avanzadas.