De ruta polos chozos da Serra do Suído

Atento, porque quizais esta ruta che interese. Trátase dun itinerario perfecto para aproximarnos ao patrimonio etnográfico da Serra do Suído mentres gozamos dun plan ao aire libre. A particularidade deste percorrido fronte a outros, é que nos toparemos cunha gran variedade de ‘chozos’. Ou o que é o mesmo, construcións de pedra que daban acubillo aos antigos pastores que se movían pola zona.

A Serra do Suído, que se atopa entre as provincias de Pontevedra e Ourense, é un sistema montañoso que se caracteriza polas súas paisaxes agrestes e repletas de pasteiros nos puntos máis altos. Por iso é polo que aínda hoxe se conservan algúns dos ‘chozos’ que usaban os gandeiros de forma temporal mentres se alimentaban as súas reses.

En concreto no municipio ourensán de Avión, é posible coñecer algúns deles a través dunha sinxela ruta, xa que hai uns anos foron restaurados polo Obradoiro de Emprego da localidade. Deles debes saber que son edificacións de pedra que se utilizaban a diario para coidar o gando e que, aínda que non se coñece a súa orixe exacta, o seu estilo arquitectónico podería datarse nos séculos XII e XIII, aproximadamente.

En canto á súa arquitectura, trátase dunha construción nunha única peza cunhas dimensións próximas aos 20 metros cadrados. Ao redor dos ‘chozos’ atopábanse os cortellos -hoxe en día derruídos na súa maioría- , un pequeno curro e finalmente, unha parede de lousas que pechaban o conxunto e que delimitaban a zona de pastoreo de cada un. Seguro que ademais, mentres visitas un e outro, daraste conta de como se camuflan os tellados coas pendentes do terreo. Desde logo, merece a pena velo en primeira persoa.

Ao longo do percorrido poderás achegarte aos de maior dimensión como o de Abelenda e San Vicente, e outros de superficie intermedia como o de Mangüeiro, Oroso e San Xusto. Así como o de Cernadas, Amiudal, Beresmo ou o de Campo Larogo. Non perdas detalle porque moitos deles contan con bancos de pedra xunto aos seus muros. Poida que estes sexan os aliados perfectos para os descansos entre ‘chozo’ e ‘chozo’.

Unha vez vistos todos, seguimos o camiño ata completar esta ruta circular que nos leva de novo ata o noso punto de inicio. Un percorrido de baixa dificultade de apenas dez quilómetros en total que nos permitirá completar moito máis que unha ruta de sendeirismo ao uso.

Por suposto, do mesmo xeito que o facían os pastores, é importante que uses o calzado e a roupa adecuada para moverte por estes carreiros. Pero máis importante aínda é que te permitas o luxo de desconectar e respirar a pleno pulmón o aire fresco da serra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *