Curiosidades da Ponte de Rande e da Ría de Vigo

Coñeces a Ponte de Rande?

Atravesando a ría de Vigo entre as localidades de Redondela e Moaña sitúase esta ponte desde hai algo máis de 39 anos, e da que hoxe desvelaremos algunhas curiosidades

Por exemplo: aínda que a súa construción rematou no 1978, tardou case tres anos en abrirse ao paso de vehículos, e no ano en que se inaugurou chegou a ser unha das pontes atirantadas máis longas do mundo. Naqueles anos, soportaba arredor de 18.000 vehículos diarios; hoxe, son 50.000 os que a atravesan cada día.

Pero se hai unha curiosidade relevante sobre esta ponte é que, xusto debaixo, atópanse os restos de 14 barcos que se afundiron durante a batalla que tivo lugar na ría de Vigo no ano 1702 entre as frotas anglo-holandesas e hispano-francesas en plena Guerra de Sucesión contra a Coroa de Castela. Segundo contan, os barcos españois viñan das Indias cargados de ouro, prata e diamantes dispostos a resgardarse na ría, cando foron atacados polos navíos ingleses con toda a súa carga dentro. É por iso que, desde hai máis de trescentos anos, este foi o punto de encontro de centos de “cazatesouros” dispostos a facerse co botín. E aí vai outra curiosidade: o mesmísimo Xullo Verne, gran coñecedor da zona (entre o ano 1878 e o 1884 foron numerosas as súas estancias na cidade de Vigo), converteu ao protagonista do seu libro máis famoso, 20.000 leguas de viaje submarino, no primeiro “cazarecompensas” da ría. Foi aquí onde, segundo di a novela, o Capitán Nemo aprovisionou ao Nautilus de ouro.

Moi preto de aquí, adentrándonos un pouco máis na ría, está a illa de San Simón. Esta illa, ao longo da historia pasou por diferentes mans. Durante a Idade Media, foi un centro monástico. Así pois, durante o século XII habitaríana os templarios e, tras eles, os franciscanos. En 1589 os piratas ingleses saquearon a illa e, anos despois, tras a batalla de Rande, os integrantes das frotas anglosaxoas volveron saqueala de novo, do mesmo xeito que todos os pobos próximos á ría. Despois deste suceso, a illa permaneceu no abandono ata mediados do século XIX, cando se habilita como lazareto. Este clausúrase en 1927 e xa en tempos da Guerra Civil Española comézanse a utilizar eses edificios como prisión e campo de concentración para presos que se opoñían ao Franquismo. Así se mantén ata 1943. Actualmente, e tras ser declarada en 1999 Ben de Interese Cultural xunto coa illa de San Antón (á que está unida por unha pequena ponte), está reconstruída e remodelada na súa totalidade, e nela teñen lugar ao longo do ano diferentes actividades relacionadas coa cultura. Unha curiosidade sobre esta illa: foi escenario de cinema na película O lapis do carpinteiro.

Con todo isto que che contamos, non tes ganas de achegarte a coñecer estes sitios?

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *