Como vivían os romanos en Aquis Querquennis?

Semella un decorado de cine de época, mais non o é: o campamento de Aquis Querquennis é un dos establecementos militares romanos mellor conservados. Está situado no municipio de Bande, á beira do río Limia, e hoxe está pegado á auga embalsada polo encoro das Conchas, o que fai que durante algúns meses do ano parte do xacemento quede cuberto.

O campamento estrutúrase con todo o xenio militar dos romanos, que por algo conseguiron dominar durante séculos o continente europeo e unha boa parte de Asia e de África. Trátase dun recinto de forma rectangular de dúas hectáreas e media de extensión, perfectamente dividido por rúas para que cada estamento dentro do exército imperial soubese a que aterse. Nel deberon vivir uns 500 militares. As escavacións diferencian con claridade o lugar que ocupaban os barracóns dos lexionarios (strigium), cada un con espazo para uns oitenta soldados. De deseño similar en todos os casos, xiran arredor dun patio central e teñen espazos de diferentes tamaños para os mandos e a tropa corrente.

Aquis Querquennis contaba tamén cun cuartel principal e un hospital no que se curaban, á maneira rudimentaria da época, os feridos e os enfermos entre a tropa. Para poderen sobrevivir dentro, os romanos almacenaban cantidades de gran en dous hórreos, e para manter a imprescindible hixiene construíron uns baños para se asearen. Tamén se pode apreciar a planta redonda doutras construcións básicas no día a día: os fornos para cocer o pan, base da alimentación do exército imperial. Completan o plano canalizacións para recoller as augas residuais.

O conxunto estaba rodeado dun groso muro con entradas a cada lado, unhas portas que, reconstruídas hoxe, dan a medida da importancia do lugar. Non era demasiado común que o Imperio construíse este tipo de instalacións fixas, o que dá a medida da importancia que debeu ter para a protección do río e da Via Nova, que unía Bracara Augusta (Braga, en Portugal) e Asturica Augusta (Astorga, en León). A cantidade de lexionarios que Aquis Querquennis era capaz de albergar fala das dificultades que deberon ter á hora de controlar un territorio escarpado, cheo de montes e probablemente cuns habitantes non demasiado receptivos ao dominio romano. O campamento levantouse no primeiro século da era cristiá, sendo Vespasiano emperador, e abandonouse media centuria despois. Segundo os arqueólogos, a Cohorte Lexionaria III da VII Lexión trasladouse entón da Gallaecia á Dacia, en Romania, deixando a instalación baleira.

Para entender mellor como vivían os lexionarios en Aquis Querquennis, o xacemento conta moi cerca cun centro de interpretación moderno. Esta instalación alberga unha colección permanente na que se explica polo miúdo como foi a romanización en Galicia, incluíndo o famoso episodio sucedido neste mesmo río Limia, coñecido polos romanos como o “río do esquecemento”. Segundo conta a lenda, o seu comandante, Décimo Xuño Bruto, debeu cruzar a corrente o primeiro e logo ir chamando un por un aos soldados para lles demostrar que atravesar o Limia non supoñía perder para sempre os recordos.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *