Catro miradoiros para gozar de Compostela

Din que é desde as alturas desde onde mellor se aprecia a fermosura das cidades. Aquí van catro localizacións da comarca de Compostela nas que se pode contemplar a cidade ou as terras a rodean.

Monte Pedroso
Este é o miradoiro máis popular para observar a cidade de Compostela ben de cerca. Atópase na zona norte da cidade e pódese acceder, desde o centro de Santiago, atravesando o moi histórico barrio do Carme e afrontando despois uns poucos quilómetros de subida nos que é doado atopar a ciclistas que adestran nas súas ramplas. Na base, o Pedroso acolle o parque da Granxa do Xesto, con amplos prados, parque e cafetaría para pasar unha tarde de bo tempo. No alto, a vista é probablemente a mellor que se pode ter: coa Catedral no centro, Santiago resplandece ocupando o val, co pano de fondo da impoñente figura da Cidade da Cultura en segundo termo e, máis alá, o Pico Sacro.

Monte de Deus
Outro balcón sobre a cidade pouco visitado e que presenta unha vista de Compostela moi diferente da habitual. O Monte de Deus é un miradoiro situado na zona norte da cidade, nas alturas do barrio de Guadalupe e de Vite, arranxado hai uns poucos anos para poder gozar dunha vista distinta. Desde calquera das dúas plataformas de que dispón percíbese ben o centro, con todos os edificios históricos coroando o promontorio da antiga Libredón, en especial a mole de San Francisco e o mosteiro de San Martiño Pinario. En primeiro termo, os barrios do norte.

Monte do Viso
Ao sur da cidade, o Monte do Viso aproxima a perspectiva que os peregrinos teñen da cidade cando chegan ao Monte do Gozo. De feito, esta elevación atópase entre ese punto e o centro de Compostela, xusto por encima da Cidade da Cultura. Hai que chegar por un camiño de pedras moi empinado e na cima non hai máis infraestrutura que un vértice xeodésico azoutado polo vento, pero a vista paga a pena.

Monte da Agrela
Un miradoiro pouco coñecido e que paga moito a pena visitar é o da Pena da Agrela, na parroquia de Lampai do municipio de Teo, limítrofe con Compostela. Desde as súas penas (a subida pode facerse en coche ata practicamente a cima, pero é bastante empinada) non se ve o centro de Santiago, pero si os vales que a circundan e mesmo a vila da Estrada, ao sur. A gran sorpresa vén cando se xiran as costas e se enfoca a vista ao suroeste: en liña recta pode verse, impoñente, toda a desembocadura do Ulla, unha serpe que acaba na ría de Arousa. De feito, nos días máis claros é posible distinguir desde aquí a Illa de Arousa. As elevacións máis próximas teñen moita historia: en primeiro termo pode verse, por exemplo, Castro Valente, que en tempos contaba cun torreón de vixilancia contra as invasións por mar.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *