Castelo de Pambre, un exemplo da arquitectura medieval militar de Galicia

Aínda que pareza incrible volver á Idade Media -aínda que sexa de maneira puntual- é posible. En Palas de Rei, un municipio da provincia de Lugo, consérvase unha marabilla arquitectónica que cada ano consolida o seu atractivo turístico con máis e máis visitantes. En concreto, referímonos ao Castelo de Pambre, hoxe considerado Ben de Interese Cultural e un dos mellores exemplos da arquitectura militar medieval de Galicia.

Trátase dunha construción do ano 1375 -aproximadamente- obra de Gonzalo Ozores de Ulloa, que destaca por estar empolicada nun outeiro a beiras do Río Pambre. O castelo, de planta cadrada, atópase rodeado por unha muralla irregular que se adapta ás características do terreo da zona.

En canto ao núcleo do conxunto, este atópase presidido por unha gran torre -tamén de planta cadrada- que se eleva ata un total de tres plantas. Custodiando esta torre ‘mestra’ atópanse outras catro de características similares pero de menor tamaño. Todas elas con remates en punta ou triángulo que coroan a fortaleza e que, antigamente, servían para resgardarse ante posibles ataques externos.

Pola súa banda, para acceder ao patio interior, a entrada sorpréndenos cun portalón adintelado na propia muralla, na que tamén se pode ver o escudo de armas da familia Ulloa. Unha vez dentro, é case obrigatorio rodear con calma e apreciar os detalles arquitectónicos do hórreo e a capela románica de San Pedro que se conservan entre os muros do castelo.

Agora ben, detalles arquitectónicos aparte, sabías que o Castelo de Pambre foi un mito dentro da loita irmandiña contra os señores feudais da época?. Tanto é así que a fortaleza foi das poucas que conseguiu resistir ante o ataque dos irmandiños en 1467. A verdade é que non é de estrañar que esperte tanto interese.

Para aqueles que lles interese unha visita ás instalacións, hai que ter en conta o seu horario de apertura. Tanto se organizas a visita con tempo coma se xorde como un plan espontáneo, lembra que o horario de inverno permite a entrada entre as 12.00h e as 17.30h (ininterrompidamente) mentres que o de verán é máis extenso, de 11.00h a 14.00h e de 16.00h a 20.00h.

Con todo, o municipio conta con outros puntos de referencia que tamén podes engadir ao teu itinerario de visita á localidade. Por exemplo a Igrexa Monacal de San Salvador de Vilar de Donas, declarada monumento Histórico-Artístico en 1931 e unha as construcións máis importantes do románico galego no Camiño de Santiago.

Necesitas máis motivos?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *