Casas de pescadores en Muros

É un dos cascos históricos máis fermosos e ben coidados de Galicia e, á vez, un dos segredos mellor gardados da comunidade. Dividindo os terreos marítimos entre a Costa da Morte e dando comezo cara ao sur ás Rías Baixas, Muros é unha das vilas máis agradables nas que pasear e sorprenderse. Tomar algo á sombra dun edificio nobre, xantar baixo os arcos dunha vella casa mariñeira ou descubrir trazos dun modesto modernismo son praceres dos que se pode gozar nesta localidade costeira.

Porque Muros é unha vila totalmente virada cara ao mar. Construída na aba dun monte, nunha enseada natural dentro da ría de Muros e Noia, desde tempos inmemoriais os buques buscaron abrigo aquí da furia do Atlántico. Cóntase que foi fundada no século XIII polo rei Sancho IV, e da época é a igrexa parroquial de Santa María do Campo. A portada é a orixinal, románica. O interior, que data xa do XV, é realmente apreciable: edificado no denominado estilo gótico mariñeiro, chama a atención polo seu amplo interior iluminado por un rosetón e ventás de arcos apuntados.

Muros foi declarado Conxunto Histórico en 1970 precisamente pola fidelidade coa que conserva a trama urbana medieval e mariñeira. Unha actividade imprescindible para quen a visita é perderse polo casco vello. Non é difícil: as rúas estreitas, as canellas sen saída, as prazas luminosas sucédense segundo os séculos foron dispoñendo. Por fortuna, é moi sinxelo torcer cara ao mar e atopalo. A parte da vila que dá ao porto caracterízase polos arcos propios das vivendas mariñeiras, que en Muros son case sempre apuntados e soportan un ou dous pisos con balcóns corridos ou forxados.

Esparexidas pola zona vella hai varias edificacións de primeiros do século XX nas que se aprecia a pegada modernista: galerías, ventás torneadas, fachadas de cines, o Mercado e detalles nas portadas contrastan vivamente coa sobria arquitectura relixiosa das varias igrexas das que dispón a localidade. O porto é omnipresente e as súas instalacións practicamente rodean o casco urbano. Así, as tarefas dos mariñeiros son parte do espectáculo diario que se vive neste lugar.

Muros é a capitalidade dun municipio que viviu tradicionalmente do mar e que agora recibe, sobre todo na temporada estival, a centos de turistas, atraidos polas espectaculares praias desta costa. Esteiro, Louro, Serres… Cada unha destas pequenas localidades apértase entre a concorrida estrada e os areais, ben resgardados das onda. A traza da paisaxe pode divisarse moi ben subindo aos puntos máis altos do termo municipal, arredor do monte das Paxareiras, onde o impenitente vento fai xirar as aspas dos muíños de vento.

Aínda que, para muíños, os de mareas, que aquí tiveron un momento de gran desenvolvemento hai algo máis de cen anos. En Serres un deles, coñecido como Pozo do Cachón, foi restaurado para dar a coñecer o funcionamento destas instalacións, deseñadas para aproveitar a forza da auga nas desembocaduras dos ríos no mar.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *