Campo Lameiro, un museo da Idade de Bronce ao aire libre

Se Galicia é un museo repleto de petróglifos, Campo Lameiro é a súa sala máis afamada. Ou unha das máis afamadas, polo menos. Enmarcados no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), nesta zona do centro da comunidade poden atoparse algúns dos gravados prehistóricos máis grandes, logrados e rechamantes de toda Europa, coma nunha enorme pintura de miles de metros cadrados de extensión, na que se pode albiscar como vivían os galegos antes da chegada dos romanos.

O PAAR atópase no concello pontevedrés de Campo Lameiro, un pequeno municipio da provincia de Pontevedra de menos de 2.000 habitantes e situado no curso alto do río Lérez. Coñecidas desde hai moito tempo, a protección das obras de arte rupestre situadas na súa contorna comezou co século XXI, e callou coa inauguración en 2011 do PAAR. O Parque ábrese cun espectacular edificio, moderno e funcional, no que se contén unha exposición que é conveniente visitar antes de proceder a camiñar cara ás diferentes “estacións”.

Porque este é o nome que recibe cada un dos afloramentos rochosos nos que o ser humano foi deixando a súa pegada nestas latitudes. Son preto dunha ducia os puntos repartidos por unha ruta de aproximadamente tres quilómetros de lonxitude, fáciles de camiñar e moi ben sinalizados. No percorrido hai numerosos lugares nos que o visitante se pode deter para ver os gravados, excepcionalmente conservados. Nalgúns casos, os autores trazaron enormes siluetas de cervos, caso da gran Laxe da Forneiriña ou da Laxe dos Carballos; nesta última, o animal principal aparece atravesado por varias lanzas e mesmo semella ter unha corda amarrada ao pescozo, nunha representación dunha escena de caza de gran viveza.

Noutras estacións os gravados multiplícanse, en composicións nas que parece haber medo ao baleiro, e sucédense trazas xeométricas, animais, círculos concéntricos, labirintos e mesmo persoas a cabalo… É o caso de pedras como a do Outeiro dos Cogolludos ou da Fonte da Pena Furada. Ante cada unha das estacións, os técnicos instalaron un panel explicativo no que tamén están debuxados os petróglifos que se poden contemplar. É dunha axuda considerable, tendo en conta que algunhas das formas se foron deteriorando polo simple paso do tempo ou polo descoido dos seres humanos. Ademais, o impacto da luz sobre as pedras fai que ás veces sexan difíciles de distinguir os gravados: a primeira hora da mañá e o solpor, cando os raios do sol caen oblicuos sobre a terra, son os mellores momentos para ver estas obras de arte milenarias.

A visita complétase coa recreación dun poboado da Idade de Bronce que permite coñecer un pouco máis de preto como se vivía hai 4.000 anos nesta zona de Europa. Cercados, zonas de almacenamento e vivendas foron edificados cos materiais e as técnicas dispoñibles naquela altura, reproducindo a existencia cotiá. Máis de 15.000 persoas visitaron o ano pasado este museo ao aire libre, unha experiencia moi recomendable tanto para nenos coma para adultos, que se sentirán transportados catro milenios no tempo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *