Camiño do Ferradal xunto ao río Soldón

O concello de Quiroga é un territorio especial para quen goza co interior de Galicia. O municipio atópase a medio camiño entre dúas das zonas máis fermosas do interior do País: A Ribeira Sacra e O Courel. Así, comparte as paisaxes de canóns fluviais propias da primeira das áreas, fundamentalmente arredor do ubicuo río Lor (famoso entre outras cousas pola excelencia gastronómica das súas troitas); e abre as portas ao terreo montañoso e escarpado da segunda. A ruta que hoxe propoñemos, ao son do río Soldón, reflicte perfectamente o paso entre estas dúas xeografías.

O Soldón é un río pequeno, pero matón. Baixa do Courel facendo sitio entre as abas do monte, saltando de rocha en rocha e esquivando unha vexetación de intenso verdor. Faino con enorme forza en inverno e primavera, pois o desnivel que salva desde o seu nacemento, a 1.160 metros de altura, e a desembocadura no Sil é máis que considerable.

Así, é conveniente pensar en facer esta ruta no mesmo sentido que as augas do Soldón. O trazado comeza un pouco despois da Ferrería de Rugando, un antigo edificio de pasado industrial reconvertido en casa de turismo rural. A ferrería foi fundada polos monxes de Samos arredor do século XVI, aínda que na actualidade apenas se conservan restos da fábrica e o que queda son as antigas vivendas (cunha espectacular lareira presidindo o edificio) e a capela (en cuxa fachada aínda se aprecian unhas intrigantes decoracións circulares).

Facer o camiño en sentido descendente non nos evitará un par de esforzos, pois o traxecto sobe e baixa a carón da corrente, e hai algunhas ascensións certamente complicadas para quen non estea afeito ás camiñadas. En tempo húmido hai que ter coidado de onde se pisa: o firme é en moitas ocasións de lousa espida e pode resultar esvaradío.

A ruta é coñecida como Camiño do Ferradal, e emprega o percorrido dunha antiga vía pola que se baixaban minerais desde as montañas. Percorrelo mostra o penoso que debía de ser o traballo cos medios de transporte de hai un século, pero tamén a fermosura dun bosque pouco transformado polos anos. Boa parte do camiño transcorre baixo soutos dos que aínda hoxe se recollen castañas que están entre as máis saborosas de Galicia. Carballos, freixos e outras especies típicas do monte galego rodean o camiño, que se percorre sempre co Soldón á vista e o seu fero ruxir. Varias pontes de madeira atravesan os regos que desembocan na corrente principal (moito ollo cando o piso de madeira está mollado!), e de vez en cando poden verse antigos sequeiros (secadoiros de castañas) e alvarizas (construcións tradicionais que serven para protexer do mal tempo as colmeas das abellas, que producen aquí un mel excelente).

O Camiño do Ferradal une os lugares de Rugando, Paradapiñol, Paradaseca e Ponte Soldón, e en calquera destas aldeas pode atoparse unha conexión coa estrada principal, do outro lado do río, por se as forzas afrouxan ou o tempo corre inadvertidamente rápido nun lugar no que admirarse ante a beleza natural de Galicia.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *