Cales son as Denominacións de Orixe dos viños galegos?

Galicia é unha terra de gastronomía privilexiada e esta é unha das principais características que lle recoñecen os visitantes. O traballo de produtores e administración para lograr a máxima calidade reflíctese na creación de certificacións en ámbitos coma o dos queixos, o mel, a agricultura ecolóxica, a carne ou os licores, pero son probablemente os viños os que máis populares fixeron as súas denominacións de orixe. En Galicia hai seis: coñécelas?

Monterrei

As cálidas terras do leste ourensán son o terreo no que medran as cepas do viño con Denominación de Orixe Monterrei. Ocupa, en concreto, os concellos de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra e Verín, na fronteira con Portugal, e caracterízase por producir potentes viños brancos de cor amarela pálida; e tintos afroitados e frescos. Fanse principalmente con uvas Dona Branca, godello e treixadura, aproveitando un clima máis seco que no resto das comarcas de Galicia.

Rías Baixas

Os brancos da Denominación de Orixe Rías Baixas están entre os viños máis coñecidos de Galicia e probablemente do mundo. Cinco subzonas separadas ao longo da provincia de Pontevedra e algúns territorios do sur da Coruña forman parte da área xeográfica designada: Condado do Tea, Val do Salnés, O Rosal, Ribeira do Ulla e Soutomaior, ocupando terras desde a fronteira portuguesa ata as ribeiras do río Ulla. Trátase de viños amarelo brillante, de gran intensidade no sabor. Moitos deles elabóranse unicamente coa variedade de uva albariña, aínda que algunhas das zonas, coma O Condado ou O Rosal, introducen variedades como a treixadura ou a loureira. A gran variedade de bodegas que o producen permite sorprenderse cada vez que se proban.

Ribeira Sacra

Xa os romanos apreciaban, e moito, os viños producidos na conca dos ríos Miño e Sil. Os caldos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra proceden, en moitas ocasións, de cepas cultivadas en condicións tan duras que a súa produción recibiu o nome de “viticultura heroica”, levada a cabo en empinados socalcos sobre o leito do río. As subzonas nas que se divide esta indicación xeográfica son  Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil. Aínda que tamén comercializan interesantes viños brancos, o seu produto máis famoso é o tinto, principalmente o elaborado con uva mencía: vermello intenso, cheo de recendo e de carácter e cun sabor moi particular, é unha das eleccións clásicas para acompañar os pratos de carne en toda Galicia.

Ribeiro

Outro dos nomes que, en Galicia, é sinónimo de bo viño desde hai séculos: a Denominación de Orixe Ribeiro recolle unha tradición con fama internacional desde sempre, fundamentada na calidade duns brancos frescos e afroitados; e uns tintos novos de cor morada. Prodúcense na comarca do mesmo nome, na provincia de Ourense, nos vales dos ríos Miño, Avia, Barbantiño e Arnoia. Mostra de que a súa calidade non é cousa de hai catro días é o feito de que as primeiras normas para regular a produción redactáronse en Ribadavia hai nada menos que medio milenio.

Valdeorras

Ao noreste da provincia de Ourense sitúase Valdeorras, berce dun dos viños con máis personalidade dos producidos en Galicia. Tanto os brancos coma os tintos da zona aproveitan as longas horas de sol de que goza a comarca. Os brancos, elaborados con uvas da variedade godello, son amarelos-verdosos, complexos; mentres, os tintos fanse con mencía para dar un resultado vermello intenso e sabores afroitados e suaves. Forman parte da Denominación de Orixe as viñas situadas nos concellos de Larouco, Petín, O Bolo, A Rúa, Vilamartín de Valderorras, O Barco de Valdeorras, Rubiá e Carballeda de Valdeorras.

Viños da Terra

Unha última indicación xeográfica recoñecida, probablemente menos afamada pero igualmente interesante, é a dos Viños da Terra, que engloba a varias zonas nas que a produción vitivinícola é unha tradición de séculos. O Viño da Terra de Barbanza e Iria corresponde á contorna da ría de Arousa, e produce brancos e tintos. O Viño da Terra de Betanzos elabórase principalmente en Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne. Finalmente, o Viño da Terra Val do Miño-Ourense engloba concellos como A Peroxa, Coles, Babadás, Toén, Ourense, San Cibrao das Viñas ou Pereiro de Aguiar.

2s comentarios

  1. Nesta última clasificación falta a IXP Ribeiras do Morrazo, con viños dos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa, todos eles na provincia de Pontevedra. Son viños brancos e tintos, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez.

    1. Grazas polo teu apuntamento, que teremos en conta. No noso post recollemos somentes os viños acollidos á categoría de denonimación de orixe. Saúdos.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *