Burela: costa e castros

Situada no centro xeográfico da Mariña lucense, Burela é unha vila diferente, por historia e por vocación. Trátase dunha localidade de preto de 10.000 habitantes que medrou de forma exponencial nos últimos corenta anos. A puxanza do seu porto, coñecido principalmente polas capturas de bonito, fixo que en menos de medio século pasase de pequena aldea de pescadores a vibrante centro industrial, cunha das dársenas máis activas do Cantábrico, estaleiros, hospital e numerosas empresas de servizos. Tamén é característico o seu aspecto multicultural, marcado pola chegada de traballadores tanto do resto da Mariña como doutros lugares de Galicia e de España e mesmo do estranxeiro: a comunidade caboverdiana, instalada aquí desde hai decenios, conda por centos os seus integrantes.

Burela é unha vila moi enfocada cara ao traballo e no futuro, pero non carece de pasado, nin moito menos. A zona oeste da localidade, pegada ao mar, é coñecida como Os Castros por algo. Nesta contorna houbo non menos de dous asentamentos prerromanos (e outro máis ao leste). Un deles é facilmente recoñecible desde o paseo marítimo que une a praia urbana coa praia da Marosa: observando ben a terra poden aínda verse os trazados de antigos muros defensivos, rodeando unhas impoñentes penas desde as que, conta a lenda, un túnel submariño conectaba co castro de Fazouro, xusto enfronte cruzando a baía.

Tamén na punta do cabo Burela, accesible desde o paseo marítimo, hai restos do que no seu día foron estes asentamentos. A simple vista poden observarse numerosas penas escavadas, marcas e coviñas que nos levan a un tempo de rituais aínda non comprendidos de todo. Nesta zona apareceu hai medio século un dos tesouros máis prezados que se gardan no Museo Provincial de Lugo: o chamado torques de Burela, un groso colar de máis dun quilo de peso feito en ouro, de época castrexa. A historia de como se atopou é ben curiosa: un labrador arrincouno arando na súa leira e, cheo como estaba de terra, desbotouno pensando que era a asa dun caldeiro. A chuvia lavou a peza e o seu brillo revelou ao descubridor a verdadeira materia da que estaba feito.

O paseo marítimo de Burela une as dúas praias da localidade. Situada no centro da vila, moi próxima ao porto, está a de Portelo ou urbana, construída polo ser humano a finais do século pasado no que era simplemente costa rochosa. Ben rodeada de servizos e locais de hostalería, é unha das localizacións máis queridas por veciños e turistas no verán. Tres quilómetros máis alá, en dirección a San Cibrao, atópase a sempre brava praia da Marosa, rodeada por un complexo deportivo. O paseo continúa percorrendo a costa norte e entrando xa no concello de Cervo, permitindo fermosas vistas dos Farallóns (pequenas illas fronte á costa de Xove) e mesmo o cabo de Estaca de Bares.

Este percorrido á beira do Cantábrico é tamén un lugar ideal para contemplar, na primeira fin de semana de xuño, a procesión marítima das festas do Carme, adiantadas para favorecer a saída estival dos barcos que fan a costeira do bonito.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *