Bouzas, un barrio vigués de moda e con historia

Todas as grandes cidades son, no fondo, a unión de varias vilas máis pequenas que se foron sumando ao núcleo principal. Vigo non é unha excepción: o enorme crecemento que experimentou ao calor da industrialización do século XX fixo que á urbe se anexionase gran número de parroquias que un día estaban separadas do centro por leiras e campos de labor e que hoxe están plenamente integradas na trama urbana. Case todas conservaron un carácter especial, e unha das máis orgullosas do seu pasado é a de Bouzas, que, ademais, foi concello independente ata hai pouco máis dun século.

A vista desde o mar da vella Bouzas declara rapidamente a súa calidade de vila por dereito propio: casas mariñeiras baixas lambendo a beira do océano, un campanario antigo presidindo a imaxe… Ata 1904 e tras medio milenio de independencia administrativa, Bouzas foi un municipio distinto, centrado na industria do mar e, á vista das moitas casas burguesas que se conservan arredor da igrexa de San Miguel, un ben próspero.

É precisamente arredor do templo onde se concentra o atractivo histórico de Bouzas. A igrexa de San Miguel ten raíces no século XVI. En orixe estaba chantada practicamente na beira do océano e ás súas costas medrou a antiga parroquia. As casas mariñeiras que hoxe se poden contemplar camiñando polo paseo marítimo fan proba daquela época na que aquí se concentraba unha parte moi importante da pesca tradicional da cidade. A construción do porto vigués e as posteriores ampliacións do peirao modificaron substancialmente a percepción que hoxe se ten de Bouzas, aínda que as calles máis vellas entre o mar e a alameda Suárez Llanos seguen tendo sabor antigo.

E tamén sabor moderno: moitos dos edificios que se conservan, levantados entre o XIX e o XX, acollen hoxe establecementos de hostalería que pasan por estar entre os mellores e máis innovadores de Vigo. O tapeo é relixión en Bouzas, e o visitante pode pasar un día fantástico percorrendo a praia urbana, as rúas e as terrazas, degustando as propostas máis tradicionais e, á beira, receitas contemporáneas que triunfan con moita frecuencia en concursos de petiscos a nivel autonómico. En moitos dos establecementos estarán encantados de contar a historia do local: preguntade e veredes que onde hoxe hai un restaurante, en tempos traballou un carpinteiro ou almacenouse sal para conservar os produtos do mar. Paga tamén a pena perderse polos corredores da praza de abastos ou visitar o comercio tradicional, que resiste neste lugar no que, como din os seus habitantes, un está en Vigo sen estar en Vigo. En Bouzas celébranse, ademais, varios mercados que están entre os máis populares da cidade.

Barrio de pescadores, primeiro, e de estaleiros e industrias, despois, Bouzas loce ademais o orgullo de contar cun dos equipos de fútbol máis antigos de Galicia, o Club Rápido de Bouzas, xa cun século de existencia ás costas.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *