As pallozas, construción ancestrais da Serra dos Ancares

Cando falamos da Serra dos Ancares é imposible non facer unha mención especial das súas pallozas. Sabes a que nos referimos? Son antigas construcións da zona nas que, a pesar do seu reducido tamaño, se refuxiaban tanto o gando como os seus propios donos.

Foron concibidas para sobrevivir ao mal tempo e ao frío inverno dos Ancares, por iso é polo que se compartía estancia co gando. Tanto a calor do lume como o que desprendían os animais, mantiñan a unha temperatura agradable toda a estancia.

Falamos de construcións ancestrais de planta -nun inicio- circular, que foron evolucionando ás de planta oval e rectangular, probablemente para adaptarse mellor aos desniveis do terreo. Con todo, estes desniveis do chan, aproveitábanse para facer divisións na vivenda ou mesmo para a saída de augas residuais.

En canto aos detalles de construción, os muros de pedra apenas contaban con xanelas. Unha ou dúas eran suficientes para manter unha ventilación adecuada. Da mesma maneira, o teito, de palla de centeo, permitía que se filtrasen os fumes da lareira entre as pallas e a estrutura de madeira que o sostén.

Xusto esta parte da vivenda, é a máis fráxil. E aínda que a palla non supera os 50 centímetros de espesor, a forma cónica ou piramidal deste, facilitan que a choiva e a neve non se acumulasen sobre o tellado. Evitando así, posibles derrubes.

Hoxe en día, aínda quedan algunhas pallozas en diferentes aldeas dos Ancares. Os conxuntos máis importantes atopámolos en Piornedo, O Cebreiro ou Vilarello, entre outros. En concreto, na aldea de Piornedo podemos gozar dunha visita guiada polas súas pallozas museo. Situada a máis de 1.000 metros de altitude, esta aldea ancaresa agarda catorce pallozas de pedra e teitume vexetal que trasladan aos visitantes a outra época.

En definitiva, non cabe dúbida de que as pallozas son unha mostra de arquitectura tradicional que debe perdurar no tempo. Son o exemplo dun estilo de vida caracterizado polo illamento e a dureza, e aínda que pouco ten que ver coa forma de vida actual, son un claro símbolo da Galicia máis rural.

Achégate á Serra dos Ancares e non perdas a oportunidade de velas de preto. É un planazo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *