As marcas de propiedade nas casas de Compostela

Máis dun visitante se terá sorprendido ao pasear polas rúas da vella Compostela coa presenza duns curiosos gravados na fachada de gran parte das casas. Non falamos dos grandes escudos que adornaban os pazos das familias prominentes, senón de modestos baixorrelevos feitos en paredes ou ventás. Algúns representan unha árbore, outros moitos unha cuncha de vieira ou un cáliz, bastantes menos unha pomba ou unha cruz de Malta. Que queren dicir estas artísticas marcas sobre a pedra? Por que se atopan en Santiago, mais non noutras cidades históricas da contorna?

Os gravados son nin máis nin menos que marcas de propiedade. É dicir, sinais que indicaban, no momento no que foron creadas, quen era o dono de determinado inmoble. A maior parte delas foron feitas a partir do século XVI e sobre todo no XVIII. É polo tanto fácil imaxinar que, nunha cidade na que a influencia da Igrexa foi enorme durante centurias, a maior parte delas identifiquen a un propietario relixioso.

Entre as máis comúns atópase a vieira, a clásica cuncha que todo o mundo asocia coas peregrinacións a Compostela e, por conseguinte, coa Catedral. Efectivamente, as casas que locen esta marca foron en tempos propiedade do Cabido catedralicio, a institución eclesiástica que reúne aos sacerdotes do templo xacobeo. Están moi presentes precisamente na contorna da Catedral, e son maioría en rúas coma a do Franco, Raíña, Hortas, Carretas… e noutras vías do que en tempos eran as aforas de Santiago,como Sar, Olvido ou o Hospitalillo.

Tamén é moi frecuente atoparse marcas que identifican á outra gran institución eclesiástica da cidade, que mesmo rivalizou nalgúns momentos co poder da Catedral: o mosteiro de San Martiño Pinario. Identifícaas unha árbore, case sempre fermosamente baleirado na pedra e en ocasións coas iniciais S.M. arredor do tronco. Máis alá da améndoa histórica, a súa presenza é moi importante nas casas máis antigas do barrio de San Pedro.

Pero hai máis deseños ben vistosos. Nalgunhas rúas, coma a do Espírito Santo ou a Travesa, unha pomba coas ás abertas sinala as propiedades da Confraría do Santo Espírito, mentres que a cruz de Xerusalén, de catro brazos de igual tamaño, indica que o dono é o Hospital Real, o actual Hostal dos Reis Católicos. A cruz de Calatrava identifica casas pertencentes aos frades dominicos en Belvís, na zona e Bonaval ou na rúa Travesa (a actual Cociña Económica, por exemplo), e un escudo con cinco estrelas recoñécelle as posesións á Universidade de Santiago, pois deriva do emblema do seu fundador, o arcebispo Alonso III de Fonseca.

O cáliz, pola súa banda, é unha marca sobre a que existen aínda dúbidas, aínda que ben podería reclamar posesión para o Concello de Santiago. Mentres, a confraría da Concepción deixou testemuño dos seus bens en varias fachadas inscribindo longos textos en letra de molde.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *