As cen palabras galegas sobre a chuvia

Parece ser que o dito de que os esquimós contan con máis de cen palabras para designar a neve é un mito inventado hai menos de cen anos por filólogos con moita imaxinación. O que si é certo é que os galegos contamos con ducias de termos cos que chamar á chuvia, un elemento cotián do que fixemos arte, polo menos no plano lingüístico.

É evidente que o dato global depende do ano e da bisbarra ou mesmo do val do que se fale, pero en Galicia preto da metade dos días do ano son días de precipitación. Así que non é estraño que durante séculos o idioma galego fose especializando termos para referirse ás diferentes formas que ten a auga que cae do ceo, así como aos momentos nos que para de caer. Partimos da moi sinxela palabra chuvia ou choiva, derivada directa do latín “pluvia”, para ir variando segundo a intensidade do fenómeno.

Deste xeito, unha chuvia feble, desa que se mete nos ósos se un non vai preparado, pode chamarse orballo, chuvisca, barruxa, barruzo… Como adoita a ser un fenómeno bastante molesto para quen ten que andar na rúa ou traballar á intemperie, tamén se lle chama con pouco agradables palabras como babuxa, babuña, barballa ou babuxada; se é moi fina e persistente, poalla ou poalleira, e por se quen a sofre non se dá por aludido e non se abriga, tamén se denomina mexaparvos ou mexadeira.

Subamos o chuvasco de intensidade e teremos treboadas ou torbóns, xistra, arroiadas nas que a auga corre a cachón ou chuvieiras intermitentes. Nestas ocasións é habitual que chova a caldeiros, a xarros ou a ballón, e que caia un auténtico dioivo. Se ademais fai moito frío, falarase de auganeve, cebrina, escarabana ou, poñéndonos máis serios, de nevaradas, pedrazo ou sarabiadas. Se simplemente fai ese tempo tan galego no que, sen chegar a chover, hai tanta humidade no ambiente que un se enchoupa só con saír á rúa, haberá néboa, brétema, borraxeira ou zarracina, desa que o deixa a un “mollado coma un pito”.

Aínda que o bo da chuvia en Galicia é que sempre acaba por deixar de caer. Dise entón que escampa, escambra, delampa ou aliva, e ese é un momento habitualmente feliz. Mais como os galegos levamos a chuvia metida dentro, non podemos deixar de falar dela mesmo nos días de sol. Así, a quen non razoa demasiado dicímoslle que lle “chove na cabeza” ou “no faiado”, e a quen non nos escoita, que fai “coma quen ve chover”. Se recordamos algo que pasou hai moito tempo, diremos que “xa choveu” desde aquela, e se temos un problema, que “nunca choveu que non escampase”. Ás veces hai cousas que nos sorprenden, ante as cales exclamamos: “Manda chover na Habana!”. Se algo non nos importa, diremos que “por nós, que chova” e se se comete unha inxustiza pero ninguén se atreve a protestar, “mexan por nós e dicimos que chove”.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *