As campás de Bastavales ás que cantou Rosalía

Campanas de Bastabales, cando vos oyo tocar, mórrome de soidades.

Os tres versos cos que se abre este poema están entre os máis coñecidos, apreciados e recitados de cantos compuxo a gran poeta galega por excelencia, Rosalía de Castro. Formando parte do fundamental libro Cantares gallegos ou musicadas por cantautores como Amancio Prada, as campás da localidade de Bastavales, en Brión, deron a volta ao mundo.

Nacida en Santiago de Compostela en 1837, Rosalía pasou parte da infancia na casa das súas tías na aldea de Ortoño, no mesmo val no que resoaban as campás sobre as que escribiría moitos anos despois. No afamado texto, a poeta recorda o feliz tempo da nenez entre as veigas, que compartiron protagonismo nestes primeiros anos coas terras de Iria Flavia e Padrón, río abaixo.

O poema foi escrito nunha época na que a vida de Rosalía non podía ser máis diferente da que quería evocar: sempre seguindo ao seu marido, Manuel Murguía, de cidade en cidade e de traballo en traballo, botaba de menos a existencia apracible do rural galego, onde podía tomar o “camiño do meu contento; i en tanto o sol non se esconde nunha pedriña me sento. E sentada estou mirando como a lúa vai saíndo, como o sol se vai deitando”.“Dóiome de dór ferida, que antes tiña vida enteira e hoxe teño media vida. Só media me deixaron os que de aló me trouxeron, os que de aló me roubaron”, escribiu.

As campás que emocionaron a Rosalía situábanse na bonita igrexa de San Xulián de Bastavales, situada nunha das ladeiras do val do Sar. O mesmo nome da localidade remite á fertilidade do terreo que rega este río, subsidiario do Ulla, pois procede do latín vasta vales, ou gran val. A igrexa é un templo edificado a finais do século XVIII no que destaca, precisamente, o alto e lixeiro campanario. De estilo barroco e dunha sobriedade que linda xa no neoclásico, construíuse sobre un edificio románico anterior e seguindo un proxecto no que colaborou o arquitecto Tomás del Río, coñecido por obras senlleiras no interior da Catedral de Santiago de Compostela. A torre é posterior, de 1828, momento no que se emprazaron alí as campás que Rosalía recordaría durante toda a vida.

Porén, e sen que o cambio lle reste nin un gramo de fermosura ao lugar, as campás actuais non son xa as mesmas que inspiraron o famoso poema. Foron substituídas a principios do século XX e complementadas na década dos trinta cun reloxo que dá aínda máis carácter á construción. O emprazamento é, con todo, o gran atractivo de San Xulián de Bastavales, pois a súa porta principal ábrese á ampla veiga do Sar, plana, verde e fértil, rodeada por suaves lombas arboradas. E, se se sabe mirar, ao fondo da estampa, coma unha sorpresa, poderanse contemplar mesmo as torres da Catedral compostelá.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *