Mácara

A Ulloa e os torrentes de Mácara

A Ulloa é unha comarca interior da provincia de Lugo coñecida con todo merecemento por un produto gastronómico singular: o queixo. Neste territorio (e nos concellos limítrofes da provincia da Coruña), de outeiros suaves cubertos por soutos vellos e atravesado por regatos de auga prístina, pacen os centos de vacas que producen o leite necesario para elaborar os produtos da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa. Propoñémosche unha ruta ao son do principal deses ríos que che pode servir como escusa para visitar a bisbarra.

A ruta é a dos torrentes de Mácara, e a mellor maneira de chegar ao inicio é facelo desde Palas de Rei, tomando a estrada cara a Pambre. Un par de quilómetros despois desta localidade e do seu fermoso castelo, unha pista á dereita indica o comezo da camiñada. De feito, hai quen prefire empezar xa no mesmo castelo, unha espectacular fortaleza do século XIV que inspirou ao escritor e crego Antonio López Ferreiro un dos libros fundamentais da literatura galega.

En todo caso, a ruta dos torrentes de Mácara comeza propiamente nun espectacular souto que debemos cruzar para logo, tomando á esquerda, chegar ao río, que non é outro que o Ulla. O terceiro río máis grande de Galicia ten aquí un tamaño moito máis reducido do que adquirirá na súa aproximación á ría de Arousa, onde morre, pero conta habitualmente cunha gran forza. De feito, durante o traxecto contemplaremos unha serie de pozas que chaman ao baño, pero ante as que hai que ser moi prudentes, pois a auga pode xogar algunha mala pasada. O percorrido é apto para sendeiristas cun certo adestramento. No medio do percorrido atoparemos máis dun obstáculo (penas, troncos, tramos esvaradíos) que cómpre superar utilizado por veces as mans, e que poden poñer en dificultades aos menos afeitos.

O percorrido permite facer paradas cada pouco en zonas nas que a auga remansa antes de volver retomar o seu camiño con velocidade e, en ocasións, con certa violencia. Os “torrentes” forman cada poucos metros unha pequena fervenza ou uns rápidos bonitos de ver e de retratar. A corrente está rodeada dunha espesa vexetación de ribeira: entre os carballos e os castiñeiros, axudados pola humidade, abundan os freixos ou as abeleiras. Se, ademais, a ruta se percorre en outono, a variedade de cogomelos que nacen á beira do río é sorprendente. Pero ollo! Para consumilos e mesmo manipulalos convén ser un experto; aínda que o monte galego produce moitos fungos comestibles, tamén os hai velenosos que poden dar un susto importante.

Se queres pechar da mellor forma posible a experiencia da ruta, é moi recomendable achegarse ao finalizar a Palas de Rei. A vila, unha das máis importantes do Camiño Francés a Santiago, dispón de numerosos establecementos nos que mercar e probar o queixo local. A Arzúa-Ulloa é unha das variedades máis coñecidos de Galicia. Elabórase con leite de vaca e a súa suavidade e acidez fano ideal para acompañar a un doce de marmelo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *