A Rocha Forte, un castelo descoñecido ás aforas de Compostela

Hai ás aforas de Santiago de Compostela un castelo que durante séculos estivo esquecido. E non era un castelo calquera: o da Rocha Forte foi, probablemente, o máis grande de Galicia da súa clase, e tiña como misión protexer tanto o Camiño Portugués coma ao inquilino da cadeira episcopal na cidade do Apóstolo.

A importancia da Rocha Forte é aínda hoxe doada de entender pola súa localización. Está situado nun cruce de camiños que aínda nesta época é dos máis transitados na cidade, na saída sur cara a Pontevedra e as rías. Porén, tan formidable construción non é fácil de ver a simple vista e, durante centos de anos, foi pouco máis que un recordo mesmo para os habitantes da cidade. Nos últimos anos as escavacións sucedéronse e as ruínas da fortaleza revelaron unha historia apaixonante de batallas e, tamén, de enorme violencia.

Construído no século XIII e ampliado no XIV, desde A Rocha Forte vixiábanse as mercadorías que chegaban desde os portos próximos a Santiago (Padrón, Noia, Pontevedra…) e cobrábanse os correspondentes aranceis. O edificio chegou a ter catro pisos e unhas formidables defensas. A razón era o seu uso por parte dos arcebispos coma refuxio en caso de revolta dos sempre axitados composteláns. Sen ir máis lonxe, o famoso Berenguel de Landoira, responsable da construción da torre do reloxo que se coñece co seu nome, tivo que recluírse alí a principios do século XIV cando os santiagueses se rebelaron contra o seu nomeamento. Sibilino, chamou aos líderes revolucionarios a parlamentar á Rocha Forte a alí, menos diplomaticamente, executounos.

En 1467, durante a Guerra Irmandiña, o castelo foi asediado, tomado e arrasado. Unha vista ao actual recinto recorda a enorme crueldade daquela confrontación, en consonancia coas prácticas da guerra medieval. Dentro do que queda do castelo (a traza dos muros é perfectamente visible despois das escavacións) pódense contemplar gran cantidade de pedras redondeadas, bolas de ata 150 quilos de peso que, no século XV, foron lanzadas á torre deste as lombas dos arredores por grandes máquinas bélicas. Se a esas rochas letais lles sumamos pacas de palla ardendo, animais en estado de descomposición e outro tipo de proxectís, entenderemos por que A Rocha Forte foi finalmente sometida e arrasada.

O castelo foi abandonado nese momento e, co paso do tempo, esquecido. No século XIX a vía do ferrocarril pasou por encima dun dos seus laterais; desa mesma centuria datan as primeiras escavacións, pero non foi ata chegado o XXI que se procedeu ao seu estudo e recuperación como parte da fascinante historia de Compostela.

O castelo da Rocha Forte atópase xunto ao chamado Viaduto da Rocha, na saída sur de Compostela. É interesante visitalo da man de expertos concertando visitas na páxina web do recurso.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *