A pegada e as paisaxes galegas de Camilo José Cela

Este 11 de maio celébrase o 105 aniversario do nacemento do soado escritor galego Camilo José Cela y Trulock (1916-2002). Nacido na localidade de Iria Flavia, Padrón (A Coruña), a pesar de que aos 9 anos se trasladou xunto coa súa familia a Madrid, o seu vínculo con Galicia quedou patente para sempre nas súas obras. Mestre da literatura de posguerra e gran cultivador da narrativa en lingua castelá a través da novela, o ensaio, a poesía ou a crónica de viaxes, Camilo José Cela ostenta o título de único novelista español galardoado co Premio Nobel de Literatura (1989). Ademais, a súa extensa e valiosa produción foi recoñecida tamén co Premio Príncipe de Asturias das Letras, en 1987, e co Premio Cervantes, en 1995, entre outros galardóns. 

 

O vínculo coa terra que o viu nacer queda tamén patente no desenvolvemento dos personaxes de obras tan notables como “La Colmena” ou “La familia de Pascual Duarte”, e nos seus últimos textos o autor non perdeu a oportunidade de volver á súa terra. É aí onde os seus personaxes depositan o seu legado cultural, movéndose desde as costas do mar galego ata as paisaxes de interior. Repasamos a vida e a obra do aclamado escritor para viaxar, xunto cos protagonistas de varias das súas novelas, a través dalgúns dos escenarios dunha terra coa que xamais perdeu o seu nexo de unión. “Son, síntome e proclámome galego. E non se é nunca nada nin por casualidade nin impunemente”.

 

Tui

A localidade fronteiriza presume dunha estreita relación con Cela, posto que o pai do escritor naceu alí e o seu avó foi alcalde a comezos do século pasado. Sendo neno, Cela pasou diversas tempadas estivais en Tui e xa de adulto non deixou de regresar a esa localidade con frecuencia para lembrar aquela época. É por iso polo que foi nomeado fillo adoptivo e polo que unha céntrica rúa leva o seu nome propiciando que o recordo de Cela estea sempre presente. O escritor foi pregoeiro das festas patronais de San Telmo no ano 1973 e naquel discurso desvelou algúns dos recordos da súa infancia tudense, tal como fixera xa previamente en “La Rosa” (1959) e como volvería facer en “Memorias, entendimientos y voluntades” (1993).

 

Vigo

Catro anos da súa infancia (de 1921 a 1925) pasou Camilo José Cela vivindo na cidade de Vigo, tal como lembra a placa que o propio escritor inaugurou en abril de 1986 no edificio situado na confluencia das rúas Policarpo Sanz e Velázquez Moreno. Dita placa, realizada en bronce, inclúe a reprodución dunha imaxe do autor daquela época da súa infancia, pero non é a única efixie de Cela que se pode ver en Vigo. No céntrico parque situado entre as rúas Pi e Margall e Torrecedeira, e bautizado co nome do escritor hai un busto obra do escultor Francisco Otero Besteiro que foi inaugurado no ano 1991.

 

A Coruña

A Coruña é unha das cidades que aparecen de forma recorrente na obra de Cela. Atopámola por exemplo en “La familia de Pascual Duarte” (1942), cando o protagonista viaxa ata alá co obxectivo de emigrar a América e queda un ano e medio vivindo na cidade e realizando diversos traballos. Tamén aparece representada en “La cruz de San Andrés” (1994) e “Del Miño al Bidasoa” (1976). En xusta correspondencia a cidade púxolle o nome de Cela a unha das súas avenidas. Ademais, no barrio de Cidade Xardín álzase un palacete coñecido polo nome de Casa Felisa que é moi coñecido por ter sido a residencia de Cela a comezos dos anos 40. Alí foi acollido polo matrimonio formado por unha irmá da súa nai e o arquitecto Eduardo Rodríguez-Losada  Rebellón e alí xestouse, precisamente “La familia de Pascual Duarte”.

 

Terras de Ourense

O mapa que dá a benvida ao lector de “Mazurca para dos muertos” (1983) convídalle a entrar no espazo xeográfico onde se citan as provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense, aínda que serán sobre todo dous municipios desta última (Piñor e San Cristovo de Cea) os que se converterán nos escenarios centrais de moitos dos episodios da novela. Cela intérnase así na terra na que habitaron os seus antepasados por liña paterna antes de dirixirse a Tui para construír unha novela costumista e vangardista ao mesmo tempo que pasea polos montes da zona e entre as pedras centenarias do mosteiro de Oseira e da igrexa de Santa María de Carballeda. As rúas da cidade de Ourense e as augas e as lendas da lagoa de Antela, na comarca da Limia, déixanse ver tamén nesta obra pola que Cela recibiu o Premio Nacional de Literatura.

 

Costa da Morte

Se “ Mazurca para dos muertos” reflicte o mundo rural, “Madera de boj” (1999) asómase ao litoral de de Galicia para retratar as xentes do mar. Trátase dun proxecto que roldou a mente do escritor durante varias décadas e que se comezou a materializar a mediados dos anos 80, cando realizou a primeira dunha longa serie de visitas a Fisterra e a Costa da Morte. Instalado nun chalé da praia de Langosteira durante varios veráns, Cela percorreu desde alí algúns dos lugares máis emblemáticos da comarca e mergullouse no ambiente local e mariñeiro en busca de testemuños e inspiración para unha obra na que o relato dos naufraxios ocorridos ao longo de varios séculos foi guiando os seus pasos e as súas páxinas por toda a Costa da Morte: escenarios e traxedias de Malpica, Corme, Laxe, Camariñas,  Muxia, Cee ou Corcubión aparecen tamén nun texto cuxa xénese selou a estreita relación de Cela e esa mítica comarca. Como testemuño daquela etapa quedan, ademais das propias páxinas de “Madera de boj” a estrada que conduce ata a praia de Langosteira, que foi bautizada como Corredoira de Don Camilo, e o monólito co busto de Cela e a placa conmemorativa que se pode ver ao comezo dese mesmo areal.

 

Padrón

O municipio que o viu nacer e no que foron enterrados os seus restos mortais é o lugar de Galicia onde a pegada de Cela está máis presente. Alí, entre as paisaxes da súa infancia en Iria Flavia, o fogar familiar e a liña férrea que propiciou que se asentase en Galicia o seu avó materno, John Trulock, presérvase o seu legado. A antiga Casa dos Cóengos de Iria Flavia acolle a sede da Fundación Camilo José Cela e do Museo Camilo José Cela. “Entre estas paredes de pedra […], faise realidade o meu soño de devolverlle á terra galega todo canto me deu e que é fidedigna mostra, o inequívoco sinal de que vivín”, deixou dito o propio Cela e así é debido a que a institución ofrece aos seus visitantes a oportunidade de achegarse á figura de Cela a través de obxectos relacionados coa súa vida e a súa obra, así como de coleccións de pinturas, debuxos, hemeroteca e outros materiais diversos. Integrado dentro do museo e coa colaboración da Fundación de Ferrocarrís Españois pódese visitar tamén o Museo do Ferrocarril John Trulock. Alí móstranse pezas históricas como uniformes, unha colección de farois ou o tapiz da compañía The West, así como a recreación dunha estación de época, un antigo vagón de mercadorías e unha locomotora de vapor que transportarán ao visitante á época na que a empresa da que era xerente John Trulock construíu a primeira liña férrea de Galicia: entre Santiago de Compostela e o porto do Carril, na ría de Arousa. Ademais, fronte aos museos álzase a igrexa de Santa María de Iria Flavia, en cuxo cemiterio está a tumba de Cela, e na praza situada xunto ao camposanto pódese ver o busto en bronce do escritor que realizou o escultor Pablo Serrano. Xa no centro de Padrón, outro monumento, obra de Manuel Ferreiro Baía, inmortaliza tamén ao autor. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *