A pegada de Verne en Vigo

Xa pasaron 150 anos desde que o Nautilus penetrara na ría de Vigo na soada novela de Jules Verne ‘Vinte mil leguas de viaxe submarina’ e 140 anos da súa visita á cidade. Unha cidade que visitou en dúas ocasións -1878 e 1884- e na que deixou pegada grazas ás notas de viaxe nas que detallaba todo o que acontecía ao longo da súa estancia na cidade olívica.

Verne participou de costumes, tradicións e festas como un vigués máis. Desde o momento no que chega ao porto o 1 de xuño de 1878 e se atopa cunha cidade en festas, ata a súa marcha o 4 de xuño de 1878, o escritor intégrase plenamente na vida local. Namórase de Vigo, e así o constatan os documentos rescatados polo investigador italiano Piero Góndolo  della Riva.

“Xa falarei con vostede dos lugares que visitamos; todo é verdadeiramente fermoso. Vigo, Lisboa, moi fermosas, de verdade, e acolléronnos moi ben por todas partes”, así o describiu nunha carta ao seu amigo e editor Pierre-Jules Hetzel.

Gozar da festa local, percorrer en barco a enseada de San Simón ou pasear cada día ata a fortaleza do Castro, son só unha mostra das paradas do escritor na súa visita. Estes son algúns dos pasos que seguiu e que o deixaron namorado de Vigo:

Vive a Reconquista

A Reconquista é a celebración máis emblemática de Vigo. Nela, conmemórase  o ocorrido na cidade o 28 de marzo de 1809, un alzamento popular que logrou desterrar aos franceses e converteu a Vigo na primeira cidade que conseguiu expulsar ao exército de Napoleón dun territorio conquistado. Tal e como viviu Jules Verne na súa chegada á cidade, o centro histórico convértese nun enorme mercado do século XIX no que en calquera rúa ou esquina vívense enfrontamentos entre vigueses e ‘franceses’.

“Festa pola independencia recobrada en 1809 sobre os franceses. Fogos de artificio. Música. Admisión ao Casino. Igrexa recente, murmurios, non hai cadeiras”. Así o lembraba o escritor de Nantes nas súas notas. Por aquel entón, a Reconquista e a procesión do Cristo da Vitoria celebrábanse o primeiro fin de semana de xuño. A día de hoxe, a Reconquista de Vigo é o 28 de marzo (festivo local).

É a festividade máis querida polos vigueses e unha oportunidade única para visitar Vigo na primavera. As representacións teatrais e o bo ambiente entre os asistentes alcanzan o seu punto álxido no episodio da rúa Gamboa, no que se simula a derriba da porta da vila.

Ruta pola enseada de San Simón

Outro dos lugares fetiche do escritor é a enseada de San Simón, o escenario da Batalla de Rande que el mesmo describiu na súa novela. Coñeceuna navegando no seu barco de vapor -o  Saint Michel III- e contemplando a beleza da paisaxe, do que destacaba especialmente os seus hórreos e laranxais. “Domingo, 2 de xuño. Paseo matinal ás 6 horas con Pierre. Barco de vapor. Fondo da baía. Galeóns. Vista. Un verdadeiro fiorde. Celeiros de millo. Laranxeiras. Retorno a bordo”

Hoxe, podemos vivir unha experiencia similar cunha visita guiada á Illa de San Simón. Aínda que antes de chegar ao embarcadoiro que nos levará ao noso destino, podemos explorar outros lugares con encanto aproveitando unha ruta en coche polas beiras e arredores da enseada.

O Castelo de Soutomaior ou o Miradoiro do Monte da Peneda, sobre a enseada de San Simón, conseguirán que entendas a fascinación do novelista por esta paisaxe.

Paseo ata a fortaleza do Castro

Jules Verne paseaba cada día ata a fortaleza que rodeaba O Castro. Unha fortaleza con forma poligonal que hoxe en día se atopa aberta ao público e ofrece un estupendo xardín botánico. Poida que custe subir a pé, pero a recompensa paga a pena. De camiño, podes parar e tomar un descanso nas áncoras que lembran á Batalla de Rande -a mesma batalla que Jules Verne tomou como escenario para a súa novela -. E finalmente, continuar ata alcanzar o castelo do Castro e gozar dunha panorámica perfecta da cidade.

Sen dúbida, un lugar de retiro preto do centro urbano que permite desconectar por un momento do bulicio da cidade.

Deixa que Vigo te atrape, como o fixo con Jules Verne, e visita os lugares favoritos dun apaixonado novelista que coñeceu e se integrou na contorna coma se dun veciño máis se tratase.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *