A Pedra da Serpe e a Fervenza de Raxoi, en Valga

Situada nas lombas que descenden desde o interior da provincia de Pontevedra cara a ría de Arousa, Valga é un concello repleto de patrimonio histórico e natural. A vila natal da bailarina do XIX Carolina Otero, “La Bella Otero”, conta con varios lugares de moito interese, dos que hoxe visitaremos dous: o petroglifo da Pedra da Serpe e a fervenza de Raxoi.

Un dos seus atractivos máis antigos é a chamada Pedra da Serpe ou petroglifo de Campo Redondo. Atópase nun monte próximo á aldea dos Vilares, ao que só se accede por pistas forestais que, conservándose en bo estado, son máis apropiadas para camiñantes, ciclistas ou coches adaptados a andar lonxe do asfalto. Chegar a ela é, con todo, moi doado desde o centro de Valga, pois alí comezan os sinais que nos deixarán ao pé mesmo do monumento: a pedra está ao lado dunha desas pistas, ben indicada. É un afloramento granítico que, entre os toxos e os fentos, parece mesmo brillar a certas horas do día. A situación seguramente non foi aleatoria, pois desde este sitio obtéñense amplas vistas do val de Valga e do impoñente Monte Xesteiras, en Cuntis, unha mole moi recoñecible desde ducias de quilómetros á redonda pola súa altura e polo radar meteorolóxico en forma de bola que a coroa. Na Pedra da Serpe os autores gravaron motivos xeométricos e círculos concéntricos similares aos doutros petroglifos da contorna, máis o que sorprende son varias marcas verticais ondulantes que imitan o movemento dunha cobra, ou iso semella aos ollos dos nosos contemporáneos. O seu significado real e a razón de por que foron debuxadas aquí quedou esquecido na néboa do tempo.

Un pouco máis abaixo, aproveitando as feroces augas do río Valga, atópase o conxunto etnográfico dos muíños de Parafita, que conta cunha atracción que en temporada de chuvias asombra: a fermosa fervenza de Raxoi. Chégase a ela tomando a mesma estrada monte arriba desde o centro de Valga, e tamén está moi ben indicada. Neste lugar, a corrente comprímese e descende tan rapidamente (cae de 50 metros de altura en menos de 200 de lonxitude) que forma varios saltos, dos cales esta catarata é o máis salientable. Unhas pasarelas de madeira fan máis doada a contemplación do espectáculo. A masa de auga ábrese desde as alturas, precipitándose con furia sobre unha poza e, despois, correndo rápida leito abaixo. Seguindo o paseo pode ascenderse con coidado e algo de esforzo á parte superior da fervenza e seguir río Valga arriba. Resulta curioso o contraste entre a tranquilidade que se respira neste lugar, nun camiño rodeado de vexetación e punteado polos chíos dos paxaros, e o ruxido do salto uns metros máis abaixo.

A gran forza do río neste tramo fixo que o ser humano se aproveitase do caudal para construír muíños que, movidos pola enerxía das augas, servían para moer gran. Moitos deles están reconstruídos e ben coidados nesta zona, permitindo comprender o seu funcionamento e dando ao conxunto un delicioso aire doutros tempos.



Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *