A fervenza do Belelle

O río Belelle é curmán do Eume. Nace, coma este, dentro dos límites do Parque Natural das Fragas do Eume, mais a súa traxectoria cara ao nordés fai que acabe desembocando na ría de Ferrol, á que dá forma xunto con outros cursos de auga coma o río Grande de Xubia. Coma o Eume, o Belelle recorre un terreo agreste e cheo de trampas: nun destes grandes desniveis é onde se sitúa a fervenza.

A senda que chega ata ela é de fácil percorrer para quen estea minimamente adestrado no camiñar. Conta con algunhas costas algo empinadas, pero adoitan ser curtas. Hai que ter tamén coidado, como en calquera ruta que se faga polos montes de Galicia, de non tropezar nas raíces das árbores, que ás veces parecen estratexicamente situadas para facerlle caer a un.

Para chegar ao comezo da ruta tendo como referencia a cidade de Ferrol, hai que tomar a autoestrada AP-9 e saír, xusto despois de cruzar a ría, en dirección a Neda. Ao pasar esta poboación, tómase a AC-862 cara a As Pontes e, apenas un quilómetro despois, xírase á dereita pola DP-5503 ata atopar a sinalización cara a fervenza.

De camiño cara ao comezo da ruta pásase xunto ao Pazo de Isabel II, un edificio singular polo traballo que se levaba a cabo no seu interior. Sendo Ferrol a gran base naval do norte de España e un dos principais portos de pesca da zona, nos séculos XVIII e XIX prosperaron as factorías dedicadas a fornecer á flota. A que aquí se situaba elaboraba velas.

A fábrica servíase da forza da auga do Belelle para mover as máquinas que abrandaban os tecidos dos que despois se fabricarían as pezas de tea. Coa mesma enerxía funcionaban os múltiples muíños que nos atoparemos camiñando pola senda habilitada xunto ao río, testemuña dun tempo no que estes eran fundamentais na economía galega.

Porque forza ao río non lle falta. A ruta, que se pode facer en pouco máis dunha hora, comeza xunto á central eléctrica que dá enerxía á cidade de Ferrol. Andando augas arriba pódense contemplar varios saltos pequenos e camíñase onda unha canle de pedra, pasos previos á maxestosa fervenza do Belelle, que aparece detrás dun xiro do camiño entre a vexetación de ribeira. Conta cunha caída de máis de corenta metros; en temporada de pouca chuvia a corrente sepárase en dúas caídas paralelas, pero cando o leito vai cargado o espectáculo é magnífico, mesmo turbador, pois a auga cae cunha forza e un estrondo enormes. Ao pé da fervenza fórmanse unhas pozas naturais moi atractivas; hai que ter moito coidado se un decide achegarse a elas, pois as pedras esvaran bastante.

Durante a ruta iremos atopando recunchos nos que sentar a descansar e contemplar a paisaxe. Mesmo nun dos camiños existe un pequeno miradoiro cun banco circular e cuberto, de arquitectura moi curiosa, que proporciona boa vista sobre o estreito río. Desde o Pazo de Isabel II a ruta, ida e volta, percorre uns sete quilómetros e medio, uns catro se comezamos cando remata a estreitísima estrada, ao pé da minicentral.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *