5 plans para San Valentín en Galicia

O 14 de febreiro está ao virar a esquina e, o que máis e o que menos, está a buscar un plan para pasar o día dos namorados coa súa parella. En Galicia tamén sabemos de amor e temos recursos dabondo para unha velada romántica inesquecible. Hai moitas máis opcións pero nós propoñémosvos estas 5 ideas para facer en San Valentín en Galicia:

  • Relaxádevos nun balneario ou nun talaso

O primeiro plan que vos propoñemos é unha xornada de benestar. Que vos parece un baño en augas mineromedicinais que acheguen beneficios á vosa saúde? Ou tratamentos de relax e de beleza con algas mariñas ou chocolate? Todo iso e moito máis poderedes facer nos nosos talasos e balnearios.

Galicia é o principal destino termal de España con máis de 300 mananciais de augas mineromedicinais que axudan a previr ou tratar diversos males, dependendo das calidades de cada un. Por outra banda, a nosa vinculación ao mar propiciou a aparición de centros de talasoterapia, que usan os beneficios da auga do mar e elementos da contorna como algas ou lodos.

Estes centros, adoitan formar parte de hoteis de enorme variedade que vos permitirá elixir o que mellor se adapte ás vosas necesidades, gustos ou presuposto.

Podedes consultar todos os nosos balnearios e talasos en: http://bit.ly/TurismoBenestar

  • Noite romántica nun pazo

Un dos atractivos de Galicia é a nosa oferta de turismo rural e, nesta segunda opción, queremos recomendarvos os nosos pazos. Trátase de casas da fidalguía galega construídas maioritariamente entre os séculos XVIII e XIX que hoxe en día se reinventaron como lugares de hospedaxe elegantes con historias que contar, rodeados, moitos deles, de xardíns magníficos polos que dar un romántico paseo. Soa ben, verdade?

Na nosa web podedes ver a lista de pazos de Galicia que admiten inquilinos: http://bit.ly/PazosGL

Ademais de pazos, tamén existe opción de aloxamento en casas de labranza, mosteiros e mesmo nalgún castelo. Consultade nosa oferta de turismo rural en: http://bit.ly/TurismoRuralGL

  • Unha cita nas copas das árbores

Se realmente buscades unha estancia singular, animámosvos a que reservedes unha cabana no bosque. Poderedes gozar da tranquilidade e a intimidade da contorna rural rodeados de natureza.

Estas casiñas de madeira, moitas delas suspendidas no aire, son un espazo acolledor con comodidades tales como bañeira de hidromasaxe ou terrazas con vistas.

Ademais, poderedes contratar actividades de lecer como sendeirismo, rutas a cabalo ou balsismo. Se vos gusta a aventura e as cousas novas e orixinais esta é a vosa opción!

Podedes coñecer máis acerca destas cabanas en: http://bit.ly/CabanasGalicia

  • Cea para dous nun restaurante con Estrela Michelín

As ceas románticas son un clásico de San Valentín pero nós suxerímosvos mellorar a experiencia. Reservade nun dos 11 restaurantes con Estrela Michelín de Galicia e degustade a nosa mellor gastronomía, con pratos dos chefs máis recoñecidos da nosa comunidade.

As creacións máis vangardistas, coa mellor materia prima, espéranvos nestes establecementos de culto á procura do sabor único e xenuinamente galego. Asegurámosvos que a cea non vos deixará indiferentes. Será a cea de San Valentín que lembraredes durante moito tempo.

Para coñecer todos os restaurantes de Galicia con Estrela Michelín, facede click en: http://bit.ly/EstrelasMichelinGalicia

  • Visita a unha adega das D. O. de Galicia

Se sodes de bo padal, tamén gozaredes dun bo viño. En Galicia, o viño é tradición e moitas das nosas adegas ofrecen visitas polas súas instalacións, desde as máis vangardistas e as máis señoriais ata as de tradición familiar. Poderedes catar os mellores caldos das nosas terras e pasear polos seus viñedos, en ladeiras escarpadas ou a bordo do mar.

Contamos con cinco denominacións de orixe: Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei poderedes decidirvos por unha soa? A continuación deixámosvos ligazóns ás rutas do viño de cada unha das D. O. para que elixades a adega que máis vos chame a atención:

Que plan vos apetece máis? Tedes en mente algún outro plan que vos apeteza facer en Galicia? Contádenos!

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *