5 plans para facer no verán en Galicia
Quen diga que o verán en Galicia é aburrido, mente. Poida que o ceo nos faga dubidar máis dunha vez se fixemos ben en preparar o bañador e a toalla para a praia pero, desde logo, a choiva ou o fresco non impedirán que goces dunhas vacacións inesquecibles. Comerás de luxo, pisarás praias espectaculares, bailarás coma nunca nas festas populares e seguro, seguro, namoraraste do noso verán.
‘ Verbenea’ todo o que poidas
Dá igual no pobo no que te atopes, é moi probable que se non é o teu, o pobo veciño celebre unha verbena. Grupos musicais, grandes orquestras, luces, bombas de palenque, cochiños e garrapiñadas son todo un clásico.
Se nunca estiveches nunha, estamos seguros de que che deixarán marabillado. Tal é a paixón polas orquestras na nosa comunidade que, especialmente no verán, se converten en case unha peregrinación.
De festival en festival
Un fenómeno de masas en todo o país que tamén atopa o seu oco na nosa comunidade. Ao longo de toda a época estival sucédense diferentes festivais que varían en canto ao estilo musical. Pop, rock, indie, folk e mesmo heavy metal son algunhas das propostas musicais do noso verán. Con cal quedas?
Entre os máis coñecidos están: O Son do Camiño en Santiago de Compostela, Resurrection Fest en Viveiro (Lugo), Portamérica en Caldas de Reis (Pontevedra), o Festival de Ortigueira (A Coruña), Atlantic Fest na Illa de Arousa (Pontevedra) e O Marisquiño en Vigo, entre outros moitos.
Praias cinco estrelas
De Galicia pódeste namorar de moitas formas, pero unha delas é, sen dúbida, poñendo un pé nos seus areais. Tomar o sol, sentir a brisa do mar, pasear pola beira e todo iso que adoitamos facer nun día de praia, é mellor se cabe cando o facemos en praias paradisíacas como a praia de Rodas nas Illas Cíes, a praia de Cobas en Ferrol ou a da Lanzada entre Sanxenxo e O Grove.
Sen esquecer outras como a espectacular praia das Catedrais en Ribadeo, a peculiar praia dos Cristais de Laxe ou a extensa praia de Carnota.
Volver á Idade Media
Se che divirte disfrazarte e simular vivir noutra época, este é o plan perfecto para ti. Non te conformes con pasear entre os postos de artesanía e comprar algún detalle porque para gozar de verdade dunha feira medieval, hai que meterse de cheo na escenificación.
Estas son algunhas a ter en conta: a Festa da Istoria de Ribadavia, a Feira Franca de Pontevedra, a Feira Medieval de Noia ou a Feira Franca Medieval de Betanzos.
Vilas que namoran
Pero, por suposto, non pode terminar o verán sen que te vaias a visitar algún dos lugares con máis encanto. Pequenas vilas mariñeiras ou aldeas de montaña son o retiro espiritual que necesitas para os teus días libres.
Santo André de Teixido ou Redes na provincia da Coruña, Combarro na provincia de Pontevedra, O Cebreiro e O Barqueiro en Lugo e Ribadavia na provincia de Ourense, son algúns que che propoñemos para empezar.
Así e todo, estamos seguros que nos deixamos cousas no tinteiro e que probablemente o verán quede curto para ver todas as marabillas que ofrece Galicia.