10 miradoiros galegos que non debes perderte

Galicia é fermosa por onde se mire, pero hai lugares que, xa sexa por seren enclaves especiais ou pola súa situación privilexiada, multiplican esa beleza por mil. Hoxe faremos unha ruta por dez dos mellores miradoiros da nosa comunidade.

1.-Miradoiro do Alto do Príncipe. Comezamos o noso percorrido polas Illas Cíes. Alí, tras alcanzar a fin dunha ruta de sendeirismo absolutamente inesquecible polo Monteagudo, atopámonos este miradoiro. Desde alí, tanto de pé coma sentado sobre algunha da súas rochas (como a famosa “Silla de la Reina”), un queda marabillado con todo o que pode ver ao seu arredor. A un lado, o inmenso Atlántico. Ao outro, Vigo e arredores. E entre un e outro, o azul do mar misturándose co verde da nosa vexetación

2.-Miradoiro do Castro. Tamén en Vigo é precisamente onde nos detemos agora. E é que un non pode marchar da cidade sen visitar O Castro, un monte en pleno corazón da cidade olívica desde cuxo cumio divísanse as mellores vistas da ría.

3.-Miradoiro de Santa Trega. Tamén na provincia de Pontevedra, pero máis ao sur, en plena fronteira con terras portuguesas. O miradoiro de Santa Trega pertence ao Concello da Guarda e ofrece una magnífica perspectiva da desembocadura do Río Miño, con Galicia a un lado e Portugal ao outro. Ademais, e ao igual que no caso do Miradoiro do Castro, na ladeira do monte no que están situados pódense visitar os restos de antigos castros celtas.

4.-Miradoiro Monte do Facho. En plena Costa da Vela, do que xa temos falado con profundidade anteriormente, O Facho ofrece unha vista privilexiada das Illas Cíes e das rías de Vigo e Pontevedra.  

5.-Miradoiro da Curota. Se nos diriximos cara ao norte, atopamos este miradoiro na Pobra do Caramiñal. Situado a uns 500 metros de altitude, permítenos gozar do mar en toda a súa inmensidade, coa ría de Arousa a un lado e as famosas bateas, así como da vexetación e as rochas milenarias que rodean o monte. A contorna é unha marabilla na súa totalidade.

6.-Miradoiro do Ézaro. Tras un ascenso con pendente infinita pola ladeira do Monte Pindo, chegamos a este miradoiro, do que tamén falamos recentemente noutro post. Desde aquí poderemos observar unha vista panorámica de boa parte da Costa da Morte.

7.-Miradoiro das Grelas. Na comarca de Bergantiños, é case obrigatorio facer unha parada no Miradoiro das Grelas, unha pequena área de descanso desde a que se divisan unhas magníficas panorámicas do río Anllóns e da Ensenada da Ínsua. Trátase dun espazo natural protexido, e se vades, entenderedes o por que.

8.-Miradoiro do Monte San Pedro. En plena cidade da Coruña, antigo bastión defensivo da cidade e actual parque para o descanso e a desconexión de todos os que buscan o silencio e a natureza. Xusto enfronte, a Torre de Hércules, co seu faro iluminando o camiño.

9.-Miradoiro dos Balcóns de Madrid. Se nos desprazamos cara ao este, nos detemos neste miradoiro no pleno corazón da Ribeira Sacra. Describir o que se sinte cos enormes canóns baixo os nosos pes é tarefa case imposible. Hai que velo para sentilo.

10.-Miradoiro de San Roque. Por último, en Viveiro, con 353 metros de altitude é un dos máis altos (e máis espectaculares) da Mariña Luguesa.

Que teñen en común estos miradoiros? As súas vistas impresionantes, que namoran a todo aquel que se detén a miralos.

Cal é o teu favorito?

 

Un comentario

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *