Xacobeo 2021, a orixe dunha tradición que regresa 11 anos despois

O 2021 será un ano de celebración no Camiño de Santiago. As rutas de peregrinación a Compostela, a cidade do Apóstolo e, por extensión, toda Galicia converteranse en epicentro dun fenómeno de alcance mundial. O Ano Santo Xubilar Compostelán, o Ano Santo Xacobeo ou, como é xa coñecido internacionalmente, simplemente o Xacobeo xa está aquí 11 anos despois.

 

Foi unha espera longa, unha das máis extensas das que fixa a súa cadencia regular de celebracións e que obedece a unha circunstancia concreta do calendario. Só é Ano Xacobeo cando o 25 de xullo, festividade do Apóstolo Santiago e día grande de Galicia, coincide en domingo, algo que ocorreu por última vez no 2010 e que volverá suceder neste 2021. Así vén sucedendo desde a Idade Media, aínda que as luces e as sombras mestúranse ao remontarse ao pasado para coñecer a orixe dalgúns aspectos clave da celebración.

 

O traslado dos restos do Apóstolo Santiago á Península a comezos do primeiro milenio por parte dos seus discípulos, o seu enterro e ocultación durante séculos, o seu descubrimento a comezos do século IX por un eremita que viu unhas estrañas luces sobre un monte, e a comunicación do achado por parte do bispo Teodomiro son os episodios principais do relato que explica a presenza en Galicia do sepulcro deste discípulo de Cristo e que senta as bases do fenómeno xacobeo. Foi xa no primeiro terzo do século IX cando o rei Alfonso II O Casto desprazouse desde Oviedo ata a actual Compostela para comprobar a veracidade dese achado converténdose así no primeiro peregrino. Aquela viaxe pioneira esbozou ademais o trazado da que acabaría por converterse na primeira ruta dos Camiños de Santiago: o Camiño Primitivo.

 

Desde entón, millóns de persoas seguiron o seu exemplo encamiñándose cara a Santiago e debuxando un mapa de rutas que percorre toda Europa. O Camiño de Santiago foise erixindo desta maneira nun elemento de unión e identificación para os cidadáns do vello continente, e a importancia crecente do fenómeno situou a Compostela xunto a Roma e Xerusalén como un dos tres grandes centros de peregrinación da cristiandade. Pero cando xorde a celebración do ano santo xacobeo?

 

Tradicionalmente atribuíuse a unha bula concedida polo Papa Calixto II, “Omnipotentis  Dispositione”, tanto a elevación da cidade de Santiago de Compostela a sede metropolitana en detrimento de Mérida, como o establecemento do ano xubilar cando o 25 de xullo coincide en domingo. Non se conservaron copias daquel documento fundacional, senón que é a disposición doutro papa posterior a que sustentaría esa teoría. Trátase da bula “Regis Aeterni” ditada por Alejandro III, na que se establece a  perpetuidade o xubileu establecido por Calixto II e recoñécese a indulxencia plena a quen peregrine a Compostela en Ano Santo. A bula de Alejandro III está datada no ano 1179 aínda que diversos especialistas sementaron dúbidas sobre a súa autenticidade e consideran que se trata dun documento elaborado entre os séculos XIV e XV co obxectivo de  oficializar o fenómeno das peregrinacións a Compostela.

 

Sexa como for, a decisión de vincular o Ano Santo compostelán ao 25 de xullo dominical chegou ata os nosos días propiciando unha cadencia que nos levou ata este Xacobeo 2021 e que segundo a tradición arrincaría no ano 1126. Desde entón e cunha regularidade de 6, 5, 6 e 11 anos (salvo algunha variación por ser ano bisesto) a igrexa compostelá gozou do privilexio de conceder o perdón a aqueles que peregrinan a Santiago e gañan o xubileu. Tres son os requisitos para poder facelo: visitar a tumba do Apóstolo e rezar unha oración, recibir o  sacramento da confesión na propia catedral ou cunha antelación non superior aos 15 días, e recibir a comuñón.

 

Desde a propia igrexa explican que o xubileu é algo independente da Compostela. Esta última é a acreditación que certifica ter peregrinado a Santiago por motivos relixiosos e cumprir unha serie de criterios en canto á forma de facelo, por exemplo percorrer polo menos 100 quilómetros se se fai o Camiño a pé ou de a cabalo, e 200 se se fai en bicicleta. O xubileu, por contra, non depende do modo en que se chega a Santiago, senón unicamente de cumprir os tres requisitos citados con anterioridade. Do mesmo xeito, para obter a Compostela non é necesario chegar a Santiago en Ano Santo. Pero o certo é que é en anos como o que agora comeza cando o fenómeno das peregrinacións á capital galega se manifesta no seu máximo esplendor e cando Santiago se volve situar baixo a luz do foco milenario que a alumear como punto de referencia mundial. 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *